
O Concello de Parada de Sil, entre outros, vén de recibir da Xunta de Galicia unha nova entrega de material demandado para levar a cabo de maneira máis satisfactoria o traballo e así mellorar a eficacia das actuacións da súa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
O alcalde, Aquilino Domínguez, acompañado de Herrero, que é a persoa coordinadora e responsable da agrupación, acudía á Estrada para recoller este material entre outras cousas, taladros, rebarbadoras, motoserra e outros elementos, sendo todos de funcionamento cunha batería polo que se poden usar en lugares sen electricidade e sen necesidade de transportar combustible. No acto de entrega estaban presentes o conselleiro de Presidencia, o Director Xeral de Emerxencias e o o xerente de Axega.
Herrero comanda unha asociación de cincuenta persoas con carné das que en torno a 22 sempre están dispostas para os eventos nos que fai falta unha importante colaboración como a carreira por montaña Canón do Sil. Trátase dun número moi alto para a poboación dun pequeno pero dinámico concello.
O responsables da agrupación sinala con satisfacción que o ano pasado fixeron en torno a cen saídas de distinta casuística como as vinculadas a apagar lumes ou rescatar sendeiristas perdidos, colaborar na regulación do tráfico en todos os eventos de Parada de Sil, o rallye de Ourense e mesmo desprazarse a concellos que así o solicitan.
Fotos cedidas.
