Un total de 83 montañeiros e montañeiras de toda Galicia percorrían na soleada xornada do 17 de novembro o sendeiro PR-G98 Santa Cristina- Cañón do Sil. Participaban na Marcha Galega de Veteráns, organizada pola Federación Galega de Montañismo (FGM), Concello de Parada de Sil e o Clube de Montaña Ribeira Sacra.
Despois de facer 18,5 kms, os montañeiros repoñían forzas cun xantar na nave da castaña do concello de Parada de Sil. Segundo informa Xosé Antón Vázquez do clube de Montaña Ribeira Sacra, os camiñantes marcharon de Parada de Sil encantados de ter desfutado da paisaxe e comida nun excelente día de sol. Entre os aisitenters estaba o veterano Xosé Lois Freixeiro, un dos impulsores con Xosé Antón, do sendeirismo e das carreiras por montaña en Parada de Sil dende fai moitos anos.
Ao remate da comida entregábase un agasallo a cada persoa paticipante na marcha que consistía nunha Meleira de barro, unha moi bonita peza de alfarería Agustín de Niñodaguia. En nome do alcalde que non puido asistir por razóns persoais, o concelleiro de Cultura e Turismo, Paco Magide, dirixíase aos participantes agradecendo a súa presenza en Parada e agardando que se convertan en embaixadores deste municipio.
Fotos cedidas.