ConcellosÚltima hora

Parada de Sil, Larouco, Vilariño de Conso e Sober, entre os 33 concellos galegos con “Bandeira Verde”

No acto de entrega Rueda avanzaba que a Xunta creará no 2026 a Rede de Concellos Bandeira Verde de Galicia, que permitirá compartir boas prácticas e desenvolver proxectos conxuntos

 

Este martes tiña lugar en Mos (Pontevedra) o acto de entrega das distincións “Bandeiras Verdes de Galicia”, un acto que contaba coa asistencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.

Nesta ocasión recoñecíanse con este selo aos concellos de Larouco, Parada de Sil, Vilariño de Conso, Porqueira, Muíños e Oímbra, no caso da provincia de Ourense. Tamén recollían a “Bandeira Vede” Sober, Silleda, Ares, Ribadeo, Curtis, Cerdido, Cospeito, Carnota, Tomiño, San Sadurniño, Porto do Son, Boiro, Ribeira, Cervo, Sobrado, Narón, Muros, Sanxenxo, Begonte, Outeiro de Rei, Vilasantar, A Illa de Arousa, Mos, Touro, Ponte Caldelas, A Laracha e Ordes.

A Bandeira Verde de Galicia, creada pola Xunta en 2020, consolidouse como un distintivo pioneiro a nivel estatal. Galicia foi a primeira comunidade autónoma en contar cun selo propio que distingue o esforzo local pola paisaxe, a eficiencia enerxética, a educación ambiental e a xestión responsable dos recursos. Nesta sexta edición acádase unha cifra récord, con 33 concellos recoñecidos, case un 40% máis que o ano pasado.

“Este é un acto de amor pola nosa terra, no que enviamos unha mensaxe de que non só os responsables municipais senón o conxunto dos veciños están comprometidos con ter un concello fermoso e sostible. Concienciados con esa mentalidade verde de Galicia fermosa, Galicia bonita, de esa Galicia Calidade”, indicaba o presidente da Xunta.

A Coruña é a provincia con máis concellos galardoados nesta edición (15 en total), mentres que Lugo, Ourense e Pontevedra contan con medida ducia localidades recoñecidas cada unha. Para o xefe do Executivo autonómico, esta distribución amosa que a Bandeira Verde é unha ferramenta que impulsa a cohesión territorial, xa que permite que municipios de interior e do rural teñan as mesmas oportunidades de visibilidade que os costeiros.

Durante o acto, Rueda avanzou que en 2026 a Xunta creará a Rede de Concellos Bandeira Verde de Galicia, unha estrutura de cooperación que permitirá compartir boas prácticas, desenvolver proxectos conxuntos e ofrecer apoio técnico e económico aos municipios adheridos. A Rede contará tamén cun foro anual de expertos e cunha páxina web de referencia, co obxectivo de reforzar o posicionamento de Galicia en Europa como territorio comprometido coa paisaxe e a sostibilidade.

O titular do Goberno galego enmarcou esta iniciativa na nova Estratexia Galega da Paisaxe Horizonte 2030, que o Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, está a elaborar e que marcará as políticas públicas dos vindeiros anos. A estratexia integrará a protección da paisaxe en ámbitos como a ordenación do territorio, a mobilidade, o turismo e a educación, co propósito de facer da paisaxe un eixo transversal do desenvolvemento sostible e da identidade galega. O presidente salientou que o obxectivo da Xunta é que “a conservación da paisaxe que é tanto como dicir a conservación de Galicia e dos seus concellos estea en todas as políticas transversais”.

Back to top button