ConcellosParada de SilÚltima horaVídeos

Parada de Sil rende culto a San Bieito, abade patrón de Europa, no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil

 

Un ano máis Parada de Sil rende homenaxe a San Bieito, abade patrón de Europa, cunha xa tradicional  celebración no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, o centro neurálxico dos visitantes no municipio, na xornada deste domingo 12 de xullo.

 

 

A romaría comezaba xa de mañá, sendo ás 13 horas cando tiña lugar a procesión co santo ao redor do mosteiro acompañada polos gaiteiros Castrodeallo que ao remate da celebración relixiosa amenizaban a sesión vermú no mesmo lugar. Trala misa, celebrábase a eucaristía cantada pola coral Aqua Música, a que o concello agradece o eu dispor para este evento todos os anos.

 

 

Tamén é moita, cada vez máis, a xente que queda na contorna a xantar, pero o programa en si continuará noutro punto destacado do municipio, o Camping Canón do Sil, no que se celebrará unha festa de tardeo a partires das 18 horas, ademais de poder degustar un menú con empanada, costela ao forno, cóbado ao forno e uns mexilóns a vinagreta acompañados de viño da Ribeira Sacra.

 

 

Dende o Concello encoméndanse a San Bieito para que “faga a intermediación necesaria para que na votación de Corea este mes de xullo a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio Mundial da Humanidade”.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Back to top button