CulturaCulturaÚltima hora

Parada do Courel acollerá unha nova edición do Festival dos Eidos o 29 e 30 de agosto, na Casa da Uxío Novoneyra

 

Este mediodía presentouse no Pazo de San Marcos o festival dos Eidos, promovido pola Fundación Uxío Novoneyra.  A casa natal do poeta, en Parada do Courel, acollerá os días 29 e 30 de agosto este encontro cultural  arredor da traxectoria vital e literaria de  Uxío Novoneyra e, particularmente, do poemario Os Eidos.

A deputada de Cultura Iria Castro e a presidenta da Fundación Branca Novoneyra presentaron a programación, que inclúe recitais de poesía , conversas, música ou unha ruta guiada pola memoria democrática de Parada do Courel.

Iria Castro destacou que “o Festival dos Eidos  amplifica a labor de divulgación e estudo da obra de Uxío Novoneyra que a Fundación  fai todo o ano” e valorou “a contribución da entidade á dinamización cultural e social do Courel e á proxección da nosa  lingua, da nosa literatura e da nosa cultura máis aló das nosas fronteiras, a través de programas e intercambios con outros países europeos”.

O programa

A xornada do sábado 29 comezará coa actividade decana do festival ás 9.30 horas, a ruta de avistamento de paxaros da man do ornitólogo Xabier Vázquez Pumariño, que pasará dos paxaros do libro aos ouriolos, merlos ou gaios que se escoitarán nos distintos eidos da aldea.

Nesta edición, Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer farán a lectura comentada do libro ás 12.00 horas no curral da casa, de especial interese por seren os dous encargados da última edición que o poeta publicou en vida. Olga Novo, tamén profundamente vinculada á obra do poeta, e Su Garrido Pombo, darán un recital conxunto ás 13.00 horas na horta.

O souto comunal da aldea de Parada, o souto da Rubial, xuntará as voces de Antón Lopo e Alberto Lema, que alí se xuntarán ás 17.00 horas para conversar sobre a recente publicación de Río Grande en Chan da Pólvora. Xa ás 18.30, o recital central do festival acollerá as voces de Olalla Cociña Lozano, Xerardo Quintiá, Julieta Valero e Karlotti, de novo no curral.

Pechará a xornada a psicodelia galega do grupo Moura ás 20.30, á que seguirán dúas sesións DJ de Jas Processor e DJ Tristón, ás 22.00 horas e as 23:30 horas. As tres propostas musicais terán lugar na horta, co monte da Lomba e co monte da Pinza de fondo.

Xa o domingo, Inacio Vilariño será o encargado de guiar unha ruta, ás 11.00 e ás 12.30 horas, pola memoria democrática da aldea de Parada do Courel a partir a obra de Novoneyra, que sendo neno de cinco anos gardou o segredo de ter agochado na súa casa o seu tío, alcalde pola Fronte Popular, e presenciou o pranto polo fusilamento de Manuel de Ribadaira, recollido no romance en memoria de todos os represaliados polo franquismo en Do Courel a Compostela.

Back to top button