En portadaÚltima hora

Paseo xeo-arqueolóxico pola minaría do ouro en Montefurado (Quiroga), o 26 de abril

O túnel de Montefurado (Quiroga)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Do 24 ao 26 de abril desenvolverase na Uned de Vigo o curso “O Monfefurado do Sil nos seus contextos: da minería aurífera no Aalto Imperio ao proxecto de Henri Steven en 1919”. Con esta actividade formativa preténdese introducir ao asistente no contexto xeo-arqueolóxico de Montefurado en Quiroga, tanto no seu marco xeográfico inmediato como no da minaría galaico-romana e lusitana do ouro no Alto Imperio.

O curso fará tamén un repaso crítico das interpretacións pasadas e presentes do sentido e funcionamento do Montefurado á luz da recontextualización xeoarqueolóxía e da recuperación da experiencia do proxecto mineiro de Henri Steven.

Como broche desta formación terá lugar o 26 de abril unha visita complementaria a Montefurado para ver os restos da antiga obra hidráulico-mineira galaico-romana coa canle de derivación e túnel (Boca do Monte) e da moderna presa e o túnel furado no proxecto de Henri Steven de 1919, sinalando as condicións de funcionamento.

“No paseo, de 4 horas, tras situar e comentar a chea de minas antigas na contorna e repasar os últimos episodios de destrución do Montefurado, andaremos polo meandro abandonado achegándonos á Boca do Monte río arriba e abaixo, e identificaremos a ignorada canle de derivación excavada no leito do río para conducir a auga cara o furado. A andaina tamén seguirá ós restos do fracasado proxecto de Henri Steven de 1919, presa e túnel secundario construídos para voltar a poñer en funcionamento o Montefurado e recuperar o mítico tesouro acumulado no seu interior”, comenta o xeólogo Óscar Pazos, quen guiará esta visita.

Ademais, no seu decurso repasaranse e desmontaranse “algunhas das explicacións dadas e mitos moi populares que acompañaron a historia do Montefurado, como que foi construído en tempos de Traiano, que agora segue seu curso natural ou que hai un ‘pozo’ cheo de ouro dentro do furado, mais o obxectivo é coñecer a historia desta obra senlleira, as interpretacións que dela se foron dando co paso do tempo, os problemas asociados ao seu funcionamento e presentar a última e mais elaborada proposta do desenho e modo de funcionamento orixinal á luz das últimas pesquistas e averiguacións”, engade Pazos.

Este seminario colocará ao “Montefurado do Sil no contexto dos outros 19 furados, talladas, e obras hidráulicas diversas identificadas en áreas mineiras do ouro da Gallaecia e Lusitania romanas”, conclúe Pazos.

 

Back to top button