Profundidade artística, sons de raíz folk e desafío escénico. Son as tres propostas, moi diferentes pero ben acaídas para o contexto das covas e o obxectivo de crear unha atmosfera especial enmarcada no lugar e no patrimonio, que combina a segunda edición do festival de artes e enoturismo ‘Entre Covas’ que arrancaba na tarde deste venres 19 de xuño en Seadur (Larouco).
Coa artista Paula Pintos como convidada, a primeira cita, á que asistían unhas 50 persoas de toda a comarca e chegados da Coruña, Ferrol, Vigo ou Pontevedra, que en moitos casos descubrían por vez primeira este importante patrimonio enolóxico, comezaba na Cova Os Bidueiros coa benvida, para continuar coa artista e Ícaro, un paseo sonoro polo barrio de covas. Pintos investiga a voz, o son, a escoita e a memoria como materia artística, creando proxectos multidisciplinares arredor da performance. En Seadur presentou unha experiencia polo interior das covas que comezaba na Cova do Rei, todo un espectáculo xeolóxico e arquitectónico no que quixo conectar cos sons do interior da terra. Despois, detívose na cova de Marité, onde convocando á escoita cun pandeiro sen ferreñas, recitou un texto dunha das protagonistas do documental Os fillos da Vide, da valdeorresa Ana Domínguez. A última cova dese paseo foi a de Miguel, escavada en granito e cunha estrutura que lembra á dun eremitorio, onde a canción se fixo máis prolongada e profunda grazas ao eco do lugar.

Tres este percorrido, e co público xa sentado na terraza da Cova da Xabreira, Pintos iniciou un recital que foi crecendo en intensidade, combinando cancións de folclore galego e internacional, con creacións propias, sempre a través da experimentación con pedais e loopers. Todos os sons eran creados no momento a través da voz ou dos xestos sobre o micrófono, excepto unha pista de son ambiente coa que transicionaba entre pezas e que lembraba unha xornada de vendima. De feito, foi de novo a historia recollida en Os Fillos da Vide, desta vez na voz de Otilia Núñez, a súa protagonista, a que acabou de enraizar o espectáculo á contorna, grazas á sonoridade da fala valdeorresa e a memoria vitivinícola da comarca.

Finalmente chegaba o momento da enogastronomía. A enóloga Cecilia Fernández presentou as seis referencias de viños que se poderían probar, catro brancos e dous tintos elaborados polas adegas O Luar do Sil, Vinos Barco, Cova da Xabreira, Guitián y Blanco, Virgen del Galir e A Coroa. Para acompañalos, o restaurante da Cova da Xabreira ofreceu un cóctel gastronómico con oito pinchos diferentes, con embutidos, queixos, empanada, pementos con ventresca e espeto de churrasco de vaca, todo elo rematado cun petisco doce.

E así, cunha degustación de viños e pinchos e un ambiente distendido enmarcado nunha noite xa plenamente estival, remataba o primeiro Entre Covas. Dende a Ruta do Viño agradecen ao público a súa asistencia, á implicación das empresas involucradas na organización e tamén a axuda do Concello de Larouco e da veciñanza de Seadur, sempre colaboradora.
‘Entre Covas’ creouse para poñer en valor as covas de viño a través dunha oferta enoturística de calidade. Ese obxectivo mantense, co valor engadido de que Valdeorras xa conta cun barrio de covas declarado Ben de Interese Cultural, o de Seadur. De aí que sexa incluso máis importante manter as características destes eventos, cun aforo reducido e propostas escénicas intimistas, que creen unha atmosfera de desfrute minimizando o impacto sobre a contorna.

A segunda cita será o venres 17 de xullo, nas Pinguelas da Rúa, con Abril, un grupo musical de raíz folk integrado por Claudia Abril (voz e percusión) e Marina Carpente (violín e voz). A súa proposta de tradición renovada poderá desfrutarse na cova de Joaquín Rebolledo, nas Pinguelas. Antes, haberá unha visita a Adega Melillas e tralo concerto, os viños e petiscos serviranse xunto a cova de Alan de Val.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.
