
O filólogo e investigador vianés Pedro Basalo Bembibre impartía nesta semana unha conferencia online sobre o Entrudio para a Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Cáceres. O seu título era “O Entrudio de Viana do Bolo: entre a imaxe mediática e a consciencia patrimonial” e estaba organizada polo Centro Galego de Estudos de Cáceres para alumnado que nesa universidade ten as materias de Historia e Cultura galegas.
Na súa intervención, que tiña lugar o luns 9 de febreiro, Basalo expoñía e explicaba as principais manifestacións do Entrudio de Viana do Bolo: Lardeiros, fariña, o fulión, Boteiros e Comparsas. Tamén incidía no “papel dos medios e da necesidade de informar con rigor, de non inventar cousas, de ser fieis aos testemuños da xente maior, de escoitar e de prestarlle atención aos maiores”. Así mesmo subliñaba a importancia “da interxeracionalidade da festa, dende o máis novo ata o máis vello todos están implicados e teñen unha función é convinte que isto siga sendo así”.
Por outra banda, aludía á relevancia de coidar este patrimonio. “Este ano estreamos o recoñecemento do Entrudio de Festa de Interese Turístico Nacional, pero cómpre distinguir ás veces a parte máis económica e turística daquilo que é propiamente cultura, patrimonio e que debe ser conservado. Creo que realmente a visión patrimonial e o coidado e o centrarse en facer as cousas para a propia comunidade é o que manterá vivo o Entrudio“.
