Finalmente prosperaba a moción de censura que presentaba a mediados de outubro o Partido Popular no Concello de Manzaneda para retirar da alcaldía ao socialista Amable Fernández. O escrito da moción, que se baseaba na “falta de proxecto municipal e a ausencia dunha folla de ruta clara que permita das resposta ás necesidades da poboación”, recollía como candidato á alcaldía ao actual portavoz popular, Pedro Yáñez Salgado, apoiado pola concelleira do PP Verena Yáñez Álvarez e polos edís non adscritos Miguel Domínguez Hervella e Antonio Núñez Estévez, ata xullo nas filas do grupo socialista e que optaban por deixar o grupo de goberno.
Ás 11:30h. deste luns 24 de novembro tiña lugar a sesión plenaria desta moción de censura na que resultaba elixido por catro votos a favor (2 do PP e 2 dos edís tránsfugas) Pedro Yáñez como novo alcalde. A votación facíase preguntando a viva voz o secretario aos membros da Corporación local. Despois Pedro Salgado tomaba posesión do seu novo cargo como rexedor.
Na quenda de intervencións, Pedro Yáñez sinalaba que “o Concello é a casa de todos” e falou de mala xestión económica por parte da alcalde socialista. “Cando chegou vostede á alcaldía no 2019 había un remanente de 1,1 millón de euros e hoxe non hai cartos nas contas para pagarlles as mensualidades aos traballadores, esta á a realidade da situación, que é crítica. De seguir así estamos a dous anos de intervención do Concello”. Yáñez incidía en que “aquí non se censura á persoa, senón a forma de gobernar, que está endebedar e frear o desenvolvemento do municipio e que xerou malestar dos veciños. O noso compromiso é firme, poñer orde hai descontrol, transparencia e eficacia nas contas para recuperar a confianza dos veciños”.

Pola súa banda, o ata agora alcalde socialista, Amable Fernández, defendía a súa xestión explicando as axudas e subvencións tramitadas durante o seu goberno, que se traducían en investimentos no municipio, apoiándose nas contas e nos datos. “Imos ver dentro dun ano canto diñero aporta este novo goberno”. Con respecto á veciñanza, Fernández sinalaba que “non se pode presentar unha moción con esas historias”.

Ademais, Amable Fernández lembraba a súa chegada á alcaldía, primeiro en minoría e logo cunha maioría absoluta, logrando o respaldo da veciñanza. “Con respecto ao remanente que vostede dicía nas contas, nós estamos pagando o que non se pagaba, como se fai en todas partes. Non sei como farán vostedes”. Ademais falaba do que supón a xestión da residencia municipal e os gastos que implica para un Concello como Manzaneda. “Eu levo seis anos tratando de xestionar iso, e dende o grupo do PP nunca movestedes unha palla para xestionar iso, así que espero que agora que estades ao mando, e o partido da Xunta é do voso color, a ver como solucionades iso, porque é o que está lastrando a situación porque nós a débeda coa Deputación témola solucionada”.

Para Fernández “isto é un asalto ao poder porque os votos non lles dan” e tamén lle deixaba claro ao novo alcalde a á concelleira do PP que son os únicos que poden asumir labores de goberno e non os concelleiros tránsfugas, porque caso de que iso suceda, “iremos aos tribunais”. Ademais Amable agradecía o apoio da familia, dos compañeiros de partido e doutras siglas políticas o seu apoio. E remataba dicindo que “esta non me parece a maneira de entrar a gobernar, pero ogallá que a Manzaneda lle vaia moi ben”.
Á sesión plenaria acudían alcaldes do PP de zonas como Larouco e A Veiga e tamén do partido socialista de concellos como O Barco, Parada de Sil, Castro Caldelas ou Viana do Bolo ou do de Montederramo, do BNG.
Fotos: Carlos G. Hervella.


