CulturaCulturaÚltima hora

Pepe Viyuela actuará no Carballiño o 30 de marzo

O actor inaugurará o Festival Clowncurso co seu espectáculo “Encerrona”

Presentación do festival no Carballiño.

 

O Carballiño será a sede da II edición do Festival Clowncurso, impulsado pola Escola Galega de Clowns coa colaboración do Concello. A programación comezará o luns 30 de marzo coa actuación do actor e pallaso Pepe Viyuela, quen presentará no Auditorio Municipal a súa peza Encerrona. Diego Fernández, concelleiro de Cultura, pon en valor a importante figura de Viyuela no humor, tanto a nivel nacional como internacional.

“Temos ao pallaso dos pallasos, para nós é unha alegría e un orgullo poder dicir que vai actuar aquí, no Carballiño”, aseguraba na mañá deste martes 10 de febreiro na presentación da actividade. “Animamos á xente a que colla con tempo as entradas, eu creo que vai ter unha demanda moi alta e é unha oportunidade excepcional para iniciar a Semana Santa con humor”, resaltou o edil.

 

 

“Cada ano queremos que inaugure o festival unha persoa recoñecida do mundo clown, este ano propuxémosllo a Viyuela e desde o principio dixo que si”, explicou Jouse García, director do Clowncurso, quen avanzou parte da programación, aínda sen pechar debido ao elevado número de propostas recibidas. “Comezamos con Viyuela o luns, e despois seguimos martes, mércores, xoves, venres e sábado”, apuntou.

O festival contará con obradoiros matutinos, impartidos por Hilary Chaplain, unha das mellores clown a nivel mundial. “Pola noite serán os espectáculos que o público poderá votar para escoller ao gañador”, detallou García.

As entradas para Encerrona pódense adquirir nas tendas Futboleros, Carlin Carballiño e Eniac Informática. Tamén é posible realizar a reserva a través do correo electrónico: escolagalegadeclowns@gmx.es.

Back to top button