
Este outono a Ruta do Viño de Valdeorras pon en marcha a iniciativa “Percorre Valdeorras”, un programa de visitas guiadas pola comarca que convida a veciños e visitantes a mergullarse no rico patrimonio histórico, natural e gastronómico deste territorio.
Durante os meses de outubro e novembro de 2025 desenvolveranse dúas rutas culturais e enoturísticas, con prazas limitadas e servizo de autobús con recollida nas estacións de O Barco e A Rúa.
Ruta 01 – 11 de outubro 2025 Un percorrido polo Camiño de Inverno en Pumares, as rúas históricas de Sobradelo e Pontenova, o encanto de Éntoma coa visita á Adega Roandi, unha singular cata nunha cova en Vilamartín e a maxestosa torre medieval de O Castro.
Ruta 02 – 8 de novembro 2025 Unha viaxe máxica que inclúe o Santuario das Ermidas, o castelo de O Bolo, a monumental Ponte da Cigarrosa en Petín, unha parada na Adega Quinta da Peza en Fontei e os lagares romanos de Larouco.
As actividades desenvolveranse en horario de 10:30 h a 19:00 h e inclúen aperitivos en espazos emblemáticos da comarca (Capilla Granja Escuela en O Bolo, a Rectoral de Seadur e o restaurante Paladium), ademais de catas comentadas con viños das adegas asociadas a Ruta do Viño.
Prezo: 30 € por ruta
Todas as visitas estarán conducidas por un guía oficial de Galicia, especialista na historia e na tradición vitivinícola de Valdeorras.
Información e reservas
As persoas interesadas poden obter máis información e realizar a súa inscrición a través do correo info@rutadelvinovaldeorras.com, no teléfono 604 07 87 53 ou cubrindo o formulario dispoñible en rutadelvinovaldeorras.com.