Son moitas as historias que contan cada unha das pedras e esculturas que conforman o Santuario das Ermidas (O Bolo), un fermoso conxunto patrimonial encaixado na rocha á beira do río Bibei. Parte desa memoria percorríase a través do teatro na mañá deste 6 de outubro co espectáculo “400 anos: pedra, milagre e fe. Teatralización da orixe do santuario” que poñían en escena no adro do mesmos os actores de Platea Lúa. Unha iniciativa enmarcada ademais na conmemoración dos 4 séculos deste santuario.
Entre os asistentes á montaxe estaban o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, acompañado polo alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, e por outros membros da Corporación, así como por outros alcaldes da contorna; así como o Bispo de Astorga, monseñor Jesús Fernández, entre outras autoridades relixiosas.
Este acto formaba parte do programa da Romaría do Rosario nas Ermidas, que se iniciaba ás 10h. coa misa de enfermos e continuaba coa represenación teatral. Despois, ás 12:30h. rezábase o rosario e, finalmente, ás 13h. comezaba a misa solemne.
Entre os asistentes había persoas que chegaban camiñando dende diferentes puntos do oriente ourensán. Para aquelas que o facían dende A Rúa, Manzaneda e Viana do Bolo estaba previsto un transporte especial de regreso.
Este programa estaba organizado polo Concello do Bolo, o Concello de Manzaneda, o Santuario das Ermidas e o Bispado de Astorga.
Fotos e vídeo: O SIL.