Multitude de persoas achegábanse nesta xornada de 28 de marzo ata Sober para desfrutar da XLVI Feira do Viño de Amandi. Percorrían as casetas das 22 adegas participantes nesta edición, nun ambiente moi especial animado por diversas actuacións musicais.
Entre os visitantes desta tarde estaba o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, entre outras autoridades. Esta é unha mostra vinícola consolidada e de referencia para poñer en valor os viños desta subzona da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que o ano pasado acadou unha producción de máis de 4,6 millóns de quilos de una, cun valor estimado superior aos 20,8 M€.

O sector vitivinícola constitúe un importante eido produtivo para a economía galega, polo que desde o Goberno galego mantense un compromiso de apoio que se traduce este ano nun investimento de arredor de 12 millóns de euros en diferentes liñas de axuda. Entre elas atópanse as de reestruturación e reconversión de viñedo, cuxo prazo de solicitude xa está aberto, as de promoción en terceiros países ou as de elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas.

Tamén dentro deste investimento, a Consellería do Medio Rural conta cunha axuda específica para apoiar ao sector vitivinícola nesta zona, concretamente para a conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión de viñedos na Ribeira Sacra, dotada cun orzamento de 1,5 millóns de euros.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.
