Todo comezou cun papel atopado no chan en Roblido (A Rúa). Dende o momento en que Asunción Arias, actual presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, atopou un documento no que se citaba á asociación, a súa vida comezou a xirar arredor do Camiño de Inverno, a ruta xacobea que atravesa a comarca de Valdeorras, tocando as catro provincias e recoñecida oficialmente hai dez anos grazas entre outros ao fundador da asociación, Ramón García.
Media vida traballando por, para e no Camiño, ao servizo dos peregrinos sen poder ser unha deles a causa da discapacidade provocada por unha polio infantil, era unha espiniña que Asun tiña cravada ata que no ano 2023 lograba, co apoio de DisCamino (asociación con sede en Vigo que facilita o Camino de Santiago a persoas con discapacidade mediante triciclos e cadeiras de montaña), realizar a peregrinación dende Ponferrada ata Santiago de Compostela, atesourando un sinfín de vivencias que eran recollidas nun documental.

Peregrina de Inverno é froito da iniciativa do presidente deste colectivo, Javier Pitillas, ten unha duración de aproximadamente 30 minutos e, coincidindo co décimo aniversario da oficialización do Camiño de Inverno, era presentado no Centro Cultural Avenida da Rúa.
A súa proxección estaba prevista para o 23 de xaneiro tendo que ser adiada pola meteoroloxía sendo, na tarde do venres 20 de marzo, cando finalmente se podía visionar. Entre os asistentes, veciños e amigos da protagonista, ademais de parte do equipo que a acompañou durante a súa viaxe en carro adaptado polo Camiño de Inverno.
Fotos: Mónica G. Bellver.