Os Colexios de Médicos, Farmacéuticos e de Enfermería de Ourense coa colaboración do Servizo Galego de Saúde e a Área Sanitaria ourensá, lanzaron hoxe unha campaña informativa conxunta cun dobre propósito: “informar e sensibilizar aos profesionais da sanidade sobre a importancia de asesorar aos seus pacientes na xestión adecuada das caixas de primeiros auxilios domésticas e animar á cidadanía a non acumular en casa medicamentos caducados ou non utilizados, e guialos na súa correcta xestión ambiental”.
Ao acto de presentación desta campaña chamada “Revisa os medicamentos de casa” asistía esta mañá a subdirectora xeral de Farmacia do Servizo Galego de Saúde, Silvia Reboredo García, que destacou o compromiso de todo o persoal sanitario cos seus pacientes e coa loita contra o cambio climático. Nesta campaña os tres Colexios profesionais, elaboraron unha lista de residuos que deben depositarse nos Puntos SIGRE das farmacias e os que non son adecuados para esa xestión. A través de pósteres, folletos e elementos visuais a cidadanía de Ourense dispoñerá en farmacias, centros de saúde e consultas públicas e privadas, da información necesaria.
O director asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Abel Pallarés Sanmartín, destacou a importancia do papel que realiza permanentemente o persoal sanitario de concienciación sobre o uso axeitado e controlado dos medicamentos “tanto os profesionais médicos como os de enfermaría da nosa área coñecen os riscos que supón a almacenaxe dos medicamentos na casa cando estes xa non se utilizan ou teñen a súa data de caducidade cumprida. É importante sempre desbotalos nos puntos axeitados para a súa reciclaxe e isto evitará os posibles erros que se poden dar na toma da medicación ou nos posible tratamentos que os paciente estean a tomar na actualidade”.
A partir desta semana o persoal médico, farmacéutico e de enfermaría da Área Sanitaria ourensá repartirá nas consultas de atención primaria e hospitalaria, unhas follas informativas sobre os produtos e obxectos que deben levarse, e os que non, ao punto Sigre das farmacias, ademais duns consellos sobre a importancia do coidado da saúde e do medio ambiente.
Un dos obxectivos desta campaña é involucrar aos profesionais da Saúde e conciencialos sobre a necesidade de ampliar os seus coñecementos sobre medio ambiente, na liña do Plan Estratéxico de Saúde e Medio Ambiente. Segundo o Colexio de Enfermería de Ourense, a necesidade é evidente: “Os profesionais debemos formarnos tamén no coidado do medio ambiente e transmitir ese coñecemento aos nosos pacientes”.
Desde o Colexio de Médicos de Ourense advirten sobre os perigos de acumular medicamentos nas caixas de primeiros auxilios caseiras. “Unha vez concluídos os tratamentos, pode quedar un excedente de medicamentos en casa que pode caducar e ser perigoso se se toman por erro”. Sublíñase a importancia do enfoque One Health que recoñece a interdependencia da saúde humana, animal e ambiental: “Refugar medicamentos incorrectamente pode afectar a auga, os chans e as plantas e, finalmente, á saúde humana e animal”. Así mesmo, destácase “a importancia de actualizar periodicamente as árbores de prescrición electrónica eliminando os fármacos non indicados nese momento polas/os médicas/os” e insístese “no maior esforzo por unha prescrición racional como a mellor acción ambiental e de seguridade para o paciente”.
O Colexio de Enfermería de Ourense destaca o papel crucial da Enfermería na revisión de caixas de primeiros auxilios en casa: “Somos, xunto co persoal médico, quen visito con maior frecuencia os domicilios e revisamos moitas medicacións. A confianza que establecemos coas persoas é clave neste caso”.
Desde o Colexio de Farmacéuticos de Ourense sinalan que en ocasións atópanse nos Puntos SIGRE artigos que deberían refugarse nos contedores de residuos xerais, e viceversa: “Nas farmacias habitualmente brindamos asesoramento e seguiremos facéndoo, pero coa colaboración de profesionais de Medicina e Enfermería informando sobre como separar correctamente os residuos de medicamentos nos fogares, lograremos unha maior efectividade”. E conclúen: “Ao previr a medicación non controlada, as intoxicacións accidentais e o uso incorrecto dos medicamentos, e ao xestionalos adecuadamente, os habitantes de Ourense estarán a coidar da súa saúde e a do medio ambiente. É un beneficio dobre”.
Desde SIGRE sinalan que “do mesmo xeito que ocorre con outros residuos domésticos, os envases e restos de medicamentos teñen os seus propios contedores para un correcto tratamento ambiental: os Puntos SIGRE das farmacias. Creado pola industria farmacéutica, coa colaboración das farmacias e a distribución, SIGRE é un exitoso modelo de economía circular con numerosos beneficios para a sociedade e o medio ambiente”.
Na campaña colaboran a Consellería de Sanidade, a Xerencia da área Sanitaria e SIGRE.
Desenvolverase a partir de hoxe a través de pantallas informativas, pósteres e folletos nas farmacias, centros de saúde e nas consultas médicas e de enfermería, tanto públicas como privadas.