Cun canto á Virxe iniciábase ás 12:30h. a misa deste domingo 8 de setembro na igrexa de Santa Rita do Barco. Unha eucaristía na que se rompía “o ritmo habitual” para realizar unha ofrenda moi especial a esta Santa e ao Cristo: a do primeiro mosto desta colleita 2024. O altar estaba decorado para a ocasión con follas de vide e botellas de viño e, na parte central, podía verse unha gran tina da madeira na que se procedía ao pisado das uvas, procedentes de Éntoma.
O párroco, Jesús Álvarez, destacaba a importancia do viño para Valdeorras e tamén a súa calidade antes de dar paso os pequenos pisadores, dúas parellas de nenos (a primeira delas xa tiña partido en anteriores ocasións, Alejandro e Estefanía) e unha nena, esta última tamén de Éntoma, que convertían as uvas en mosto. Un mosto que o sacerdote recollía nunha xarra que lle daba aos responsables da adega Roandi, que, á súa vez, lla ofrecían como ofrenda a Virxe.
Deseguido, Margarita (tamén de Roandi), moi emocionada, falaba do labor desta adega e do sector, “cremos nos nosos viños, na nosa oferta gastronómica, e no turismo enolóxico” e confiaba en que “o noso viño se converta no mellor estandarte da nosa terra”. E pedía que “Santa Rita e o Cristo nos sigan bendicindo nos traballos e nas tarefas de cada día”.
Este é xa o terceiro ano que se leva a cabo esta iniciativa dende a parroquia barquense, convidando en cada ocasión a unha adega do municipio. A primeira edición da homenaxe, celebrada no 2022, estivo adicada á Cooperativa Jesús Nazareno do Barco (que leva o nome do patrón da vila), no 2023 a Godeval e, nesta ocasión, a Roandi.
Fotos: A.R.

