EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Piscilor, situada en Quiroga, unha das piscifactorias de troita máis importantes de Galicia

Esta empresa familiar, fundada en 1979, recibía este mediodía a visita do conselleiro do Mar

 

Ata as instalacións da empresa Piscilor, ao carón do río Lor no concello lucense de Quiroga, desprazaba neste mediodía o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, onde resaltaba a traxectoria desta empresa familiar, fundada en 1979, que a día de hoxe é unha das máis importantes de Galicia cunha produción de troita que alcanzou as 218 toneladas de troita arco iris no ano 2024.

“É unha das empresas máis identitarias, falamos dunha empresa familiar que funciona dende ano ano 78-79. E vemos unha empresa cunhas persoas que senten o que fan, gústalles o que fan e iso é o máis bonito, ver que a xente do territorio, como son os propietarios desta empresa e os seus traballadores, fan o posible para sacar adiante a súa forma de vida a través do cultivo da troita e aproveitando tamén as excelentes augas deste río e todo este espazo. A mellor forma para que os territorios teñan vida e que haxa vida económica e iso dano as empresas como Piscilor, co seu traballo, coa súa xente e a súa implicación”, indicaba Alfonso Villares.

 

 

Ademais, con referencia a este sector, indicaba que en “Galicia estamos a producir os mellores produtos que hoxendía se poden poñer no mercado, Galicia ten unha marca que é calidade absoluta e que nos caracteriza e isto é un traballo de moitas xeracións atrás e que siguen realizando as xeracións actuais”. Así mesmo agradecía o labor da responsable da empresa Silvia e do seu persoal, “un traballo para que esta empressa siga funcionando con tanto cariño e con tanto tesón”. Ademais poñíase á disposición da empresa para apoiala “no que sexa necesario”.

O titular de Mar, sinalou o papel que teñen estas empresas na dinamización da actividade económica nas zonas de interior aproveitando os excelentes recursos naturais dispoñibles dun xeito sostible.

Nesta liña, recordou que na actualidade a produción acuícola supera a pesca extractiva e destacou o seu potencial crecemento a nivel global polo que destacou a importancia dos apoios despregados pola Xunta en diversas liñas de axuda publicadas no Diario Oficial de Galicia este mes de xaneiro destinadas á sostibilidade, modernización e competitividade do sector marítimo-pesqueiro e acuícola, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), cun investimento que alcanza os 82 millóns de euros.

 

 

 

Desta cantidade, o 80% distribuirase ata 2027 e está dirixido á acuicultura, co fin de mellorar os seus establecementos de xeito que a produción se incremente en cantidade e calidade, mellorando ademais a sostibilidade e as condicións de seguridade dos traballadores. O obxectivo é contribuír positivamente nos resultados económicos do sector, ao tempo que se afonda na súa sustentabilidade e competitividade.

Pola súa banda, a xerente da empresa, Silvia López, amosábase moi satisfeita por esta visita e explicaba que esta empresa “leva 45 anos e esperemos que continuemos outros 45 coa man que nos vai botar a consellería coas axudas que ten e que necesitamos, xa que resulta moi difícil manter unha instalación deste tipo porque os custes económicos son moitos. Intentaremos tirar para adiante con isto”.

 

 

Esta empresa nacía promovida por tres socios fundadores, cuxas familias continúan mantendo hoxe a actividade e que dá emprego a dez persoas. A súa xerente explicaba que hai posibilidades de xerar algún posto de traballo máis e pedía ás administracións que non se esquezan do rural “que é moi importante que haxa nel postos de traballo, e que a Xunta apoie un pouco máis ao rural, sobre todo de interior”.

A súa produción de troita arco iris distribúese por toda España, sendo aproximadamente o 50% da produción para o mercado galego.

Piscilor está ademais aberta ás visitas de centros escolares ou de asociacións, que previamente se poñan en contacto coa empresa para concretar a visita.

Back to top button