O Ballet Folclórico do Instituto Tecnológico Celaya de México leva medio século traballando por preservar e difundir a danza tradicional mexicana, conservando as súas raíces e identidade. É unha das seis agrupacións que participan nas XXXIX Xornadas de Folclore, organizadas pola Deputación de Ourense, que están a percorrer dende o 12 de agosto a provincia.
“Esta xa é a segunda ocasión que vimos ás xornadas, hai dous anos xa estivemos nesta rexión de España, que é moi bonite a súa xente é moi cálida, é igual que nós, atende moi ben e recibe moi ben. Ademais o público sempre responde marabillosamente”, comenta Plácido Albrto López Guerrero, director deste ballet folclórico, que tamén recoñece que levar a cultura mexicana a outros países “sempre supón unha gran responsabilidade”. E iso que o levan facendo décadas, con xiras por outras latitudes, por Europa, Asia, Sudamérica, Norteamérica.
Este agrupación vén ademais nesta ocasión co conxunto musical Son Lince, tamén do mesmo instituto tecnolóxico.
¿Como son as agrupacións mexicanas que participan este ano nas xornadas?
O Ballet Folclórico del Instituto Tecnolóxico Celaya, acompañado polo conxunto musical Son Lince, tamén do tecnolóxico. Son dúas agrupacións universitarias xa que a maior parte do seu corpo artístico está formado por estudantes de enxeñería, que se titulan para ser enxeñeiros en distintas áreas, pero dentro da súa formación dáselle de forma obrigatoria estas materias culturais e deportivas. Nós somos de Celaya-Guanajuato, no centro da república mexicana. De aí o nome da agrupación.
O noso ballet, que levo dirixindo 14 anos, cumpre 50 anos neste 2024. O meu pai foi dos fundadores e directores deste agrupación folclórico. É máis que nada por unha tradición familiar pola cal teño a fortuna tamén de dirixir ao ballet folclórico da universidade.
¿Que pezas, danzas, ritmos teñen seleccionado nesta ocasión para vir á provincia de Ourense?
Son ritmos distintos aos da anterior ocasión na que estivemos. Seleccionouse repertorio diferente, tamén pola propia vida cíclica do artista que temos nós nas agrupacións, iso implica que vaian evolucionando tamén os repertorios.
Esta vez hai cadros emblemáticos que nos gusta sacar moito do país porque son como os máis representativos e vistosos. Neles están representado o estado de Jalisco e o de Veracruz, tráense cousas novas, como “danza azteca” ou a “danza de los viejitos”, como Tamaulipas, e como os Regiomontanos, que é unha rexión norte de México.
É dicir que se representa a diferentes partes de México e tamén diferentes elementos culturais e de diferentes épocas…
Efectivamente, por exemplo, a “danza azteca” está situada nunha cultura ancestral, son precolombinas… Representan distintas épocas, distintas rexións, distintos modos de vestir, distinto simbolismo tamén, é unha variabilidade importante en diferentes aspectos.
No caso da “danza de los viejitos” aparecen máscaras, ¿é habitual que nas danzas en México se usen estes elementos?
Si, e é moi habitual en todo o territorio nacional. Podemos considerar que usar unha máscara é un símbolo e este simbolismo tradúcese en venerar, en honrar, en ser tamén un pouco pagán nalgúns momentos e nalgunhas danzas, pero en moitas partes utilízase para ocultar a identidade real do bailador.
A pesar de que cada pobo, cada rexión, cada cultura ten as súas tradicións, ¿hai conexións, vínculos en común entre los diferentes folclores?
Si, estou convencido de que si. Un elemento universal pode ser a mesma música e outra cousa que se asemella en todo o mundo é que a danza tamén serve de cortexo amoroso. Xustamente pola esencia da palabra o folclor é o estudo dos pobos e a súa manifestación no vestir, no comer, no bailer, á hora de facer música… O saber dos pobos é inmensamente amplo.
Texto: A.R.
Fotos e vídeos: O SIL.