ConcellosTrivesÚltima hora

Pleno de organización na Corporación de Trives

Imaxe da Corporación trivesa nun pleno anterior./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Esta  tarde a Corporación municipal da Pobra de Trives celebraba un pleno no que se acordaba que a alcaldesa, Patricia Domínguez, será a representante deste concello no Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, ao que se incorporou recentemente co obxectivo de ser o seu novo tesouro e promocionar e desenvolverse como destino turístico e cultural. A rexedora tamén será a representante do concello en Meisa, organismo que se encarga da xestión da Estación de Montaña Manzaneda. Na sesión plenaria tamén se decidiu que xunto con Patricia Domínguez, Miguel Sierra, primeiro tenente de alcaldesa, e Aarón Álvarez, concelleiro de Economía e Facenda, representen ao municipio na Mancomunidade das Terras do Navea-Bibei.

Nas últimas semanas a alcaldesa, Patricia Domínguez, estableceu as responsabilidades de cada un dos membros do equipo de goberno para este mandato 2023-2027. A rexedora dirixirá as áreas de Turismo e Relacións Institucionais; Miguel Sierra Fernández asumirá Contratación, Urbanismo e Obras; Fermín Santoveña Herrero será o responsable de Deportes, Protección Civil e Seguridade Cidadá; Aarón Álvarez Corrales estará ao fronte de Economía e Facenda, Medio Ambiente e Medio Rural; María Cristina Paz Elías dirixirá as áreas de Educación, Benestar Social, Igualdade e Persoal e José Luis Vidal Fernández as de Cultura e Patrimonio. Este último recupera Cultura, área que xa asumiu nos anos 80 como concelleiro.

Ademais, Cristina Paz será a primeira portavoz e asumirán o resto das portavocías todos os membros do grupo socialista.

Outro dos acordos adoptados tivo que ver coa periodicidade dos plenos, que se seguirán celebrando cada dous meses, e as dedicacións exclusivas, que serán para a rexedora e Aarón Álvarez Corrales (primeiro tenente de alcaldesa). Designáronse dous tenentes de alcaldesa máis: Fermín Santoveña Herrero (segundo) e José Luis Vidal Fernández (terceiro).

Artigos relacionados

Back to top button