OurenseÚltima hora

Póñense en marcha as XXXIX Xornadas de Folclore de Ourense

Rosendo Fernández daba a benvida esta tarde na cidade aos participantes nesta edición e afirmaba que serán “os mellores embaixadores de Ourense nos vosos países"

 

A XXXIX edición das Xornadas de Folclore de Ourense comezaba esta tarde a súa andaina na cidade coa tradicional e colorida cerimonia inaugural na que participaron os representantes das agrupacións que amosarán o folclore de Colombia, México, Panamá, Serbia, Senegal e Taiwán pola provincia.

O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, deulles a benvida ao Teatro Principal, “un templo cultural que hoxe nos acolle para dar saída a un dos eventos máis esperados do verán cultural ourensán, pola espectacularidade e calidade que ofrecedes” e os definiu como “os mellores embaixadores de Ourense nos vosos países”.

Esta cita co folclore de diversas partes do mundo está organizado pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos que acollen este evento.
Neste acto de apertura, Rosendo Fernández destacou que este é un evento que ten sempre “unha gran resposta do público e que valora as manifestacións culturais de baile, luz, son e música, nunha provincia con tradición folclórica e etnográfica”.

 

 

A emblemática Escola de Danza-Castro Floxo da Deputación foi a encargada de amosar aos visitantes unha mostra do folclore ourensán neste primeiro acto das xornadas, no que os representantes dos seis países participantes subiron ao escenario ataviados cos seus traxes tradicionais. O acto contou ademais coa proxección dun vídeo para dar a coñecer aos visitantes os encantos da provincia.

Ata o próximo 21 de agosto as agrupacións Fundación Ballet Folclórico de Nobsa (Colombia), Ballet Folk. Instituto Tecnológico de Celaya (México), Academia Andrés Valiente, Danzas y Proyecciones Folklóricas (Panamá), Kud Srem (Serbia), Ballet Jammu (Senegal) e Yuan Yuan Dance Group (Taiwán) amosarán as súas danzas e música tradicionais en 16 vilas ourensás en horarios de 20.30, 22.30 e 23.00 horas.

Mañá, 13 de agosto: Barco e Celanova

As Xornadas inician mañá o seu periplo pola provincia ourensá. A primeira cita será ás 20.30 horas, no Claustro do Mosteiro en Celanova, cos grupos de México, Senegal e Panamá. O segundo encontro será no Parque Malecón de O Barco, a partir das 22.30 horas, con Colombia, Taiwán e Serbia.

Artigos relacionados

Back to top button