
Con máis dun cento de nenos e nenas inscritos comezaban esta mañá os Campamentos de Verán, organizados pola área de Igualdade do Concello de Quiroga dentro do programa “Concilia Quiroga”, cofinanciado a través do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia.
O alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, acompañado do concelleiro de Xuventude, Luis Manuel Arias, recibía aos participantes nun servizo dirixido a favorecer a conciliación familiar e laboral, no que teñen prioridade as familias nas que traballan os dous proxenitores e as familias monoparentais.
Os campamentos, nos que participan nenos e nenas de 3 a 11 anos, desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto. Os participantes están divididos en seis grupos atendendo a súa idade, repartindo as aulas entre as instalacións da Ludoteca, a Casa da Cultura e o Centro Social. Ao contrario do que ocorría noutros anos, nesta nova convocatoria os grupos máis numerosos son os dos nenos e nenas máis maiores.
Ás dez da mañá é a hora de entrada, para que ás 10:30 todos os participantes estean incorporados e se poidan comezar as actividades sen interrupción. A hora de remate seguirá sendo as dúas do mediodía nas piscinas municipais, a menos que o tempo non permita gozar destas instalacións. Neste caso avisaríase a través de WhatsApp do lugar de recollida, polo que é importante que todos os proxenitores informen aos encargados dos nenos do número de móbil para recibir este tipo de comunicacións.

Todas as actividades que levarán a cabo están programadas dentro dun proxecto de conciliación que inclúe actividades educativas, lúdicas e deportivas. Tamén están programadas actividades grupais que se levarán a cabo en días puntuais. Para levar a cabo as actividades foras das aulas utilizaranse as instalacións municipais dispoñibles e tamén o patio do CEIP de Quiroga -cesión esta última que a área de igualdade do concello quere agradecer á dirección do centro educativo-.
8 monitores titulados e 8 voluntarios, supervisados polo Centro de Información á Muller, encárganse do desenvolvemento dos Campamentos de Verán. Os monitores foron contratados baixo o programa Concilia Quiroga grazas a subvención concedida pola Consellería de Política Social e Igualdade, dentro do Plan Corresponsables no ámbito local; e os voluntarios están acollidos ao programa de voluntariado solicitado polo Concello a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Fotos cedidas.
