
A Deputación, a través do Inorde, pon en marcha a mesa local do comercio de Ourense que asume as funcións que lle corresponden á administración local, de aqueles concellos da provincia que non teñan un mínimo de vinte comercios minoristas ou non conten con asociacións de comerciantes.
O encontro, presidido por Rosendo Fernández, presidente do Inorde e deputado de Representación Institucional, contou coa participación do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; da presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez; da tesoureira de Asociación de Consumidores e usuarios do Ribeiro (ACUR), Julia Gómez; e da xerente do Inorde, Emma González, actuando como secretario, Juan Marquina, secretario da Deputación.
As funcións destas mesas locais son: informar das campañas de promoción do comercio que se financien con fondos públicos, así como actuar como órgano consultivo do concello en aquelas cuestións relacionados co comercio minorista do municipio, entre outras.
Cabe destacar que o compromiso e apoio do goberno provincial a prol do comercio local e dos comerciantes de Ourense, materializado desde o ano 2022 a través dunha convocatoria de axudas a asociacións de comerciantes da provincia para colaborar nas accións de dinamización e promoción do comercio local.
Desde ese ano, foron beneficiadas destas axudas as asociacións de comerciantes das comarcas de Valdeorras, Maceda, Xinzo, Ourense, O Carballiño e O Ribeiro, “promovendo o asociacionismo provincial e o comercio local ao longo de todo o noso territorio”, salientou Rosendo Fernández.
Mesa do comercio autonómica
Por outra, no decurso deste encontro, o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, anunciaba que a comunidade galega traballa na creación dunha mesa de comercio autonómica como órgano consultivo e de participación do sector comercial pois nela estarán representados os distintos axentes e administracións públicas en prol do tecido comercial galego.
Esta aposta está reflectida no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, que tamén ten entre as súas prioridades reforzar o papel activo das mesas de comercio como ferramentas para unha coordinación efectiva entre as administracións locais e o tecido asociativo comercial. Nesta liña, Gabriel Alén incidiu na importancia de que as entidades locais e provinciais colaboren co sector comercial das súas respectivas contornas, en prol da competitividade do sector.