Está prescrita polo persoal sanitario pero, á diferenza das receitas normais, esta non dispensa medicamentos, senón actividade deportiva aproveitando os recursos existentes no municipio do Barco. A “Receita Deportiva” é unha iniciativa pioneira que se empezará a funcionar a partir do vindeiro luns e coa que se pretende aumentar o número de persoas activas mediante a realización de actividades físicas e deportivas que incorporarán aos seus hábitos como estilos de vida saudables, reducindo así tempos de sedentarismo.
Este proxecto, coordinado pola técnica de Deportes do Concello do Barco, Kissy Torres e pola enfermeira especialista en familiar e comunitaria do Centro de Saúde do Barco, Gemma Rodríguez, presentábase esta mañá en rolda de prensa no Concello. A este acto asistían o xerente do Distrito Sanitario de Valdeorras, Alberto Pedrera; a coordinadora de Enfermería do Centro de Saúde do Barco, Isabel Navarro; o alcalde do Barco, Alfredo García, e os concelleiros de Deportes e Sanidade, Aurentino Alonso e Orlando Saavedra, respectivamente.
Para desenvolver esta iniciativa creouse un grupo de traballo e no mes de marzo deste ano 2024 presentouse este proxecto no centro de saúde barquense e no Hospital Público de Valdeorras contando cunha excelente acollida. Con posterioridade elaborouse un documento que estará presente nas consultas externas tanto de atención primaria como do hospital para a prescrición por parte dos sanitarios da actividade física como parte importante no tratamento dos seus pacientes.
Este proxecto pretende empoderar ao paciente ademais de informarlle dos recursos cos que conta a súa disposición no seu concello para desenvolver de xeito activo esta prescrición saudable
“É un proxecto que economicamente non supón un gran custo nin para o Concello nin para o Sergas. É tan sinxelo como unha receita deportiva, que se pon en marcha no marco de plan de saúde municipal”, comentaba o concelleiro de Deportes, “e que inclúe todo o que se lle pode dispensar: escolas deportivas municipais, actividades dos clubs deportivos do Barco, piscina climatizada, circuítos biosaudables, pistas municipais deportivas, as asociacións que no municipio tamén están ofertando actividade deportiva e unhas pequenas rutas, que neste caso son na zona do Malecón, para que a xente saiba que facendo un determinado percorrido vai camiñar determinados km e cumpre con esa dispensa semanal que son 2 ou 3 horas semanais de actividade”.
Alonso concluía asegurando que este é “un proxecto vivo que en calquera momento se pode modificar, variar, se lle poden engadir cousas”. Así mesmo destacaba o labor das coordinadoras da iniciativa e consideraba “fundamental a implicación de todos os profesionais e para iso si que temos a colaboración do Sergas, tanto a través do hospital como do propio centro de saúde. Nas reunións que se mantiveron ata agora cos profesionais parece ser que a receptividade foi grande. O material é moi básico: os talonarios de receitas e unha serie de carteis que terán nas consultas os médicos e enfermeiras, tamén se porán no centro de saúde e nas instalacións deportivas”.
Pola súa banda, o director do Distrito Sanitario Alberto Pedrera, agradecía tamén o traballo das promotoras da iniciativa e tamén a implicación do Concello do Barco neste proxecto, “que tivo unha gran aceptación entre os profesionais do distrito sanitario, que están sempre abertos a todo o que sexa fomentar a saúde, para nós é un pracer colaborar. Un dos piares fundamentais da Consellería de Sanidade é prevención e procurar evitar o sedentarismo. Este é un xeito relativamente barato de facelo e que pode dar grandes resultados, entón benvida sexa”.
De maneira semellante manifestábase Isabel Navarro, coordinadora do Centro de Saúde do Barco, indicando ademais que a diario en consulta ven “a problemática que hai da falta de coñecemento dos recursos dispoñibles que hai no Concello de cara á poboación. Non sirve de nada dicirlle a unha persoa sae a camiñar, necesita un apoio máis, un estilo de vida saudable. E pareceunos unha grandísima idea poder ter esta información na propia consulta e establecer uns obxectivos claros e acordes coas necesidades do paciente para poder fixar unhas metas coas receitas, por exemplo, dicirlle podes ir a natación na piscina e con este horario. Sobre todo é coñecemento e divulgación dos recursos que existen de cara aos pacientes. Así que moitas grazas porque penso que isto vai resultar moi útil para os pacientes e que vai mellorar moitísimo o nivel de saúde da zona”.
Finalmente, o alcade, Alfredo García, insistía nos agradecementos aos que “traballástedes duro para que isto hoxe sexa unha realidade e aos que van a implicarse para desenvolvelo. Este é un proxecto piloto, dende logo ata agora non había ningunha iniciativa coma esta que implica a todo o servizo de saúde do Barco, do hospital e do centro de saúde, neste proceso”. Amosábase ilusionado por esta iniciativa e tamén convencido de que vai funcionar. “A meirande parte da veciñanza do Barco pasa polo centro de saúde, por unha causa ou por outra, e, dependendo da súa situación física pois alí o persoal sanitario pódelle dar outras alternativas”.
O proxecto porase en marcha xa o vindeiro luns e vai haber un seguimento do mesmo. “A idea é que no verán, en canto rematen estas actividades deportivas, facer reunións cos profesionais para ver o feeback e cal foi a súa sensación e a resposta e, a partir de aí, determinar que se pode mellorar ou modificar”, explicaba Gemma Rodríguez.
A iniciativa, engadía, “pretende empoderar ao paciente ademais de informarlle dos recursos cos que conta a súa disposición no seu concello para desenvolver de xeito activo esta prescrición saudable”. As relacións entre os profesionais da saúde e os pacientes, baséanse en vínculos de satisfacción coa atención e os coidados que se lle prestan, a confianza, compromiso e implicación do profesional, que se poden ver favorecidos coa participación activa destes últimos na toma de decisións relativas ao seu tratamento, o que garantirá un maior compromiso á hora de acadar uha boa adherencia o tratamento.
Pola súa banda, o concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra, comentaba que esta iniciativa forma parte dunha estratexia máis ampla en materia sanitaria na que traballa o Concello e dentro do Plan de Cidade Saudable.
Fotos e vídeos: O SIL.