ConcellosLaroucoÚltima hora

Ponse en marcha o campo de voluntariado arqueolóxico e medioambiental en Larouco

 

O campo de voluntariado “Larouco” (da modalidade arqueolóxica e medioambiental) poñíase en marcha este venres 4 de xullo e funcionará ata o día 15 deste mesmo mes. Os xoves eran recibidos onte pola alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela. Esta actividade, que conta con 13 mozos e mozas participantes (de entre 18 e 30 anos e procedentes de diferentes partes de Galicia e do resto de España), desenvolverase en xornada de mañá principalmente no xacemento arqueolóxico de Castrillón e no Lagar das Penelas, pero tamén inclúe actividades complementarias de lúdico e excursións.

Así entre a actividades que realizarán participantes figuran as seguintes: labores de apoio e limpeza arqueolóxica, limpeza do itinerario; fabricación e colocación de caixas-niño, limpeza manual da zona do xacemento, tanto de maleza e especies non protexidas como do lixo que poida haber, e elaboración dun estudo da fauna e flora da contorna mediante a realizaciónde pequenos percorridos en diferentes zonas do concello para coñecer a fondo a súa fauna e flora.

 

 

Hai que ter en conta que o concello de Larouco conta cunha importante rede de xacementos arqueolóxicos de diferentes épocas. Destacan pola súa monumentalidade os poboados castros tipo Castrillón, que centrará a actuación deste campo de voluntariado. Pero a presenza romana é a máis patente, tanto na toponimia como en diversos achados, e a mellor proba é a Via Nova, unha antiga calzada romana que comunicaba hai 2.000 anos Bracara Augusta (Braga) con Asturia Augusta (Astorga).

O campo de voluntariado, promovido a través da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia e impartido por Xeitura S. Coop. Galega (na parte técnica) e por Aventeira (no apartado de tempo libre), contempla, así mesmo, actividades complementarias na contorna de carácter cultural e de ocio, como rutas de sendeirismo, visitas culturais, observacións astronómicas, tempo de baño de praia fluvial, entre outras.

Fotos cedidas.

 

Back to top button