PolíticaÚltima hora

Pontón reivindica o BNG como “a forza que pon Galiza na axenda do Estado e defende os seus intereses”

Refírese en Ourense Destaca aos descontos na AP-9 e na AP-53 ou ao avance na electrificación da liña Ourense-Lugo como logros da negociación do Bloque

 

A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicaba hoxe en Ourense ao BNG como a “forza política que pon a Galiza na axenda do Estado” e a que garante “a defensa dos intereses dos galegos e das galegas, sexa quen sexa o inquilino da Moncloa”.

“Podemos dicir que o Bloque é a forza que lle dá voz e voto a Galiza en Madrid”, sintetizou xunto aos representantes do Bloque no Congreso e no Senado, Néstor Rego e Carme da Silva, respectivamente, na presentación da campaña ‘Co BNG, Galiza Gaña’ para difundir os logros do traballo da organización nacionalista en Madrid en defensa do País, un acto no que tamén participou o portavoz municipal, Luís Seara.

A líder nacionalista salientou a importancia de contar cunha forza “coas mans libres” como o Bloque, que cun deputado e unha senadora “conseguiu máis para Galiza que o resto ao servizo das forzas estatais”. Neste sentido, advertiu que o único que demostran as forzas estatais é a súa alternancia “na discriminación a Galiza”, dicindo unha cousa cando están na oposición e facendo a contraria cando están no goberno.

Pontón destacou “a estratexia negociadora intelixente, firme e coherente” do Bloque a favor de Galiza e alegou que os feitos avalan o acerto desta estratexia de negociación, tal e como evidenciou coa quita da débeda de 4.000 millóns de euros posta sobre a mesa polo Goberno central grazas ao BNG, os descontos históricos na AP-9 e na AP-53 ou o avance na electrificación da liña entre Ourense e Lugo.

“E iso é o que fai o Bloque, pelexar por Galiza, non para solicitar privilexios, senón para esixir respecto e un trato xusto para o País e que teña o que se merece, porque non somos máis que ninguén pero tampouco menos, e isto é algo que ás forzas estatais lles custa entender e que lles hai que facer entender”, reflexionou.

Logo de subliñar que “ningún Goberno do Estado nos dá nada se non o pelexamos”, a portavoz nacional indicou que non todo está feito, senón que “queda moito por facer”, polo que avanzou que o BNG vai seguir pelexando pola defensa dos galegos e das galegas, dando a cara en Madrid para que os intereses do País estean representados.

“Se cun deputado e unha senadora conseguimos todo isto, que non fariamos tendo unha maior representación en Madrid, nun contexto sen maiorías absolutas”, concluíu.

Pola súa parte, Néstor Rego sinalou que o BNG  “cumpriu con aquilo que se comprometeu: ser a voz da Galiza en Madrid e a ser unha forza que impulsase políticas sociais e que servise de freo ás políticas da dereita ultra e a ultradereita”, lembrando que só a formación nacionalista conseguiu un acordo de investidura que serviu para conseguir avances importantes para a Galiza. “Ningunha das outras forzas políticas é capaz de colocalas enriba da mesa: infraestruturas, políticas sociais, autogoberno”, enumerou.

Modernización e electrificación da liña Ourense-Lugo, bonificacións de até 75% para usuarias da AP-53, incremento -sobre todo- das pensións mínimas e non contributivas ou o aumento das semanas de permisos monomarentais e monoparentais, así como a quita dunha parte da débeda, son algunhas das cuestións conseguidas polo BNG.

Pola súa parte, Carme da Silva contrapuxo o labor na defensa dos intereses da Galiza do Bloque e o papel nas Cortes do Estado que realiza o Partido Popular. “Votan en contra da igualdade, votan en contra da nosa lingua, votan en contra de que teñamos un tren de proximidade”, exemplificou, para advertir que “cada quen é responsábel do que fai”. “O BNG traballa para conseguir melloras para os galegos e as galegas mentres o PP traballa para cencenar os nosos dereitos”, concluíu a senadora.

Próximos procesos electorais

A preguntas dos medios, Pontón indicou que, sexan cando sexan as eleccións a nivel de Estado, o Bloque vai “intentar sacar representación en todas as circunscricións electorais” e subliñou que, en todo caso, sexan cales sexan as circunscricións polas que finalmente obteña representación, a organización nacionalista “traballa para todo o País”, como ten demostrado até agora nas Cortes.

Preguntada tamén polas alternativas para frear o avance da extrema dereita e a decisión do BNG de concorrer coas súas siglas a todos os procesos electorais, a portavoz nacional recordou en primeiro lugar que “en Galiza non hai extrema dereita e que unha das razóns que explica esa irrelevancia é que moitos sectores sociais ven que o Bloque é unha alternativa que defende os seus intereses”.

Back to top button