OurenseÚltima hora

Porqueira estrea unha nova zona de escalada, apoiada pola Xunta e cun orzamento de 40.000 euros

Xosé Merelles visitaba a nova instalación, que conta con máis de 40 vías distribuídas en seis sectores e impulsa o turismo deportivo

 

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participaba na fin de semana, en concreto o domingo 31 de maio, na inauguración oficial da nova zona de escalada da Forxa, no Concello de Porqueira, unha actuación que reforza o posicionamento de Galicia como destino de turismo deportivo e de natureza.

O proxecto, promovido polo Concello de Porqueira e que conta co apoio de Turismo de Galicia, permitiu a creación e equipamento dunha nova área de escalada no canón do río Fírbeda, ademais da homologación dun sendeiro circular pola ruta das Fervenzas do Fírbeda, cun investimento de preto de 40.000 euros.

Durante o acto inaugural, celebrado xunto ao panel informativo da nova zona, o director de Turismo de Galicia salientou “a importancia de seguir apostando por proxectos que unan deporte e patrimonio natural, en especial na Galicia rural”, incidindo no valor estratéxico do turismo deportivo como ferramenta para favorecer a desestacionalización e a diversificación da oferta turística galega.

Merelles agradeceu especialmente a implicación do Concello de Porqueira, así como a colaboración da Asociación de Escaladores Ourensáns (Asesou), que participou activamente no desenvolvemento da iniciativa.

 

 

A nova instalación conta actualmente con 43 vías distribuídas en seis sectores, adaptadas para escaladores de diferentes niveis e conforme ao estándar europeo de seguridade específico para ancoraxes de escalada.

Tras o acto inaugural tivo lugar a apertura oficial da zona de escalada, nunha xornada que reuniu arredor dun cento de asistentes, case todos escaladores desexando coñecer e probar as novas vías. Durante a visita, realizouse un percorrido por varios dos sectores de escalada e a Torre da Forxa, un dos elementos patrimoniais mellor conservados da zona.

Ademais, o proxecto incluíu a adecuación e homologación dun sendeiro circular duns 5km que percorre ambas marxes do río Fírbeda.

 

 

Turismo deportivo, positivo para a desestacionalización

A nova área de escalada da Forxa representa o modelo turístico polo que Turismo de Galicia aposta a través da Estratexia de Turismo de Galicia 2030. O turismo deportivo é favorecedor para a desestacionalización, en especial no ámbito rural, onde este tipo de proxectos contribúen á xeración de actividade económica e ao fortalecemento dos negocios locais. Na provincia de Ourense, estes enclaves asociados á escalada fomentan o crecemento de afeccionados ao deporte e axudan a promover a provincia dentro dos destinos de escalada nacionais.

No 2025, Galicia recibiu preto de 118.000 turistas vinculados ao turismo deportivo, cun gasto medio diario de máis de 116 euros por persoa por riba da media nacional.

 

Back to top button