
A residente de segundo ano de Enfermaría obstétrico-xinecolóxica do Hospital Universitario de Ourense, Carla García Fernández, foi recoñecida no XIII Congreso da Federación de Asociacións de Matronas de España (FAME), celebrado o pasado fin de semana en Donosti, polo seu traballo titulado “Implementación dunha intervención educativa sobre saúde menstrual en persoas con síndrome de Down”.
Este proxecto que acadou o recoñecemento neste congreso nacional na categoría de promoción e prevención en saúde sexual e reprodutiva a nivel comunitario, iniciouse como Traballo de Fin de Grao na Escola Universitaria de Enfermaría de Santiago de Compostela no ano 2023, e naceu coa intención de cubrir un importante baleiro formativo no ámbito da saúde menstrual. Tal como explica a autora “a saúde menstrual é un tema de gran relevancia sobre o que, en ocasións, non se dispón de suficiente información; esta carencia acentúase cando existen dificultades engadidas, como unha discapacidade intelectual”.
A investigación partiu da constatación de que existen moi poucas formacións sobre a menstruación e o que esta supón, cifra que se reduce practicamente a cero cando se trata de colectivos específicos, como o das persoas con Síndrome de Down. Por este motivo, en colaboración coa Fundación Down Compostela, desenvolveuse unha actividade educativa centrada en tres dimensións: anatomía do sistema reprodutor feminino, ciclo menstrual e a menopausa.

Resultados positivos da intervención
A iniciativa obtivo resultados moi positivos, permitindo ás persoas participantes acceder a información clara e adaptada, esencial para comprender mellor o seu corpo e exercitar o seu dereito á saúde sexual e reprodutiva. Segundo a residente premiada, “este tipo de proxectos axudan a derrubar barreiras e a garantir que todas as persoas, independentemente das súas capacidades, teñan acceso á educación sanitaria e á información que lles corresponde por dereito”.
Este recoñecemento supón un importante impulso para o labor investigador e educativo das matronas ourensás, e reflicte o compromiso do persoal sanitario coa promoción da saúde e coa inclusión social dende unha perspectiva de igualdade.