
Máis de 200 persoas asistían na tarde do 3 de xullo á gala dos XV Premios D.O. Ribeiro celebrados no Auditorio Mar de Vigo, escenario elixido polo Consello Regulador para levar a esencia do Ribeiro a novos escenarios e achegar a súa cultura vitivinícola. Así o afirmou a súa presidenta, Concha Iglesias, lembrando que os galardóns pretenden recoñecer a todas as persoas e entidades que “contribúen a facer máis grande a nosa denominación”.
Iglesias aproveitou a súa intervención para destacar algunhas das principais preocupacións do sector, como a perda de rendibilidade da viticultura, “que dificulta a remuda xeracional e favorece o abandono de viñedos”, e para falar dos desafíos derivados do cambio climático, “que esixen unha maior formación e adaptación por parte de viticultores e adegas” e da necesidade de “manter o noso compromiso co fortalecemento da visibilidade de Ribeiro nos mercados nacional e internacional, apostando pola calidade, as variedades autóctonas e o consenso”.
Ademais, a presidenta do Consello Regulador lembrou os bos resultados obtidos o último ano, con “unha maior presenza en feiras internacionais e salientables recoñecementos en concursos de prestixio”, antes de agradecer “o labor de todos os galardoados e galardoadas que comparten o noso mesmo obxectivo, transmitir o valor dun territorio único e duns viños que son historia, cultura e futuro”.
Entre eles atopábanse a sumiller e formadora Manuela Romeralo, Premio Universo Sumiller “polo seu defensa das variedades autóctonas e a súa aposta polos viños de Ribeiro na alta gastronomía”; o viticultor Ramón Senra Pereiras, Premio Vida entre Vides “en recoñecemento a máis de catro décadas dedicadas ao cultivo da viña e á preservación da tradición vitivinícola”; a Asociación Galega de Sumilleres (AGASU), distinguida co Premio Ribeiro en Nós, que recolleu Juanjo Figueroa, “polo seu labor prescritor e divulgador, achegando os viños do Ribeiro a consumidores e profesionais”, e a Guía Paadín, Premio Mellor Tarefa de Comunicación “polo seu labor divulgativo e de promoción da calidade, identidade e diversidade dos viños do Ribeiro”.
Así mesmo, foron recoñecidos os establecementos vigueses Detapaencepa, AVeleira Viños e O Capitán, polo seu compromiso coa difusión e o servizo dos viños de Ribeiro.
A cerimonia incluíu ademais un recoñecemento especial a José Peñín, nomeado Persoeiro de Honra, “pola súa extraordinaria traxectoria na divulgación da cultura do viño” e por “a súa decisiva contribución á proxección e prestixio do D.O. Ribeiro, tanto entre consumidores como entre profesionais do sector”.

“Vivimos un momento cheo de desafíos, pero tamén con moitos motivos para mirar o futuro con optimismo”, afirmou Concha Iglesias, animando aos asistentes para “seguir traballando xuntos para que o Ribeiro continúe sendo un referente de calidade, autenticidade e innovación, sen perder nunca de vista a quen fai posible co seu esforzo diario, que esta denominación siga crecendo xeración tras xeración”.
A gala, presentada por Lucía Rodríguez e Duarte Galbán, contou coa asistencia do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades; así como a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, e de Agacal, Martín Alemparte, entre outros, e estivo amenizada pola música de Eladio y Los Seres Queridos e Señora Dj, que ambientou o cóctel na terraza.
Viños ganadores
Por outra banda e como xa vén sendo tradicional, durante a gala déronse a coñecer os viños premiados na Cata Oficial, converténdose nun dos momentos máis aplaudidos da cerimonia. Así, os gañadores foron Cordón de Santo André 2025, de Gumersindo Diéguez Collarte, Mellor Viño Branco Colleiteiros; Casal de Paula 2025, de Emilio Docampo Diéguez, Mellor Viño Branco Adegas, e Tarabelo 2024, de Arco da Vella A Adega de Eladio, Mellor Tinto.
A gala dos XV Premios D.O. Ribeiro pon fin á Semana do Ribeiro celebrada en Vigo, que incluíu un Túnel de Viños con máis de 50 referencias, e catas guiadas dirixidas por sumilleres e catadores expertos.

