
A tarde de onte, 25 de agosto, resultaba especialmente axetreada para os veciños de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras) que estaban recollendo enseres ou facendo labores de limpeza nas casas que lume destruía hai uns días. Decatábanse, segundo contan eles mesmos, como xente de fóra do lugar estaba retirando, sen ningún tipo de autorización, chatarra e outro tipo de material dos escombros das casas que a veciñanza estivera xuntando nestes días en diversos puntos da localidade co fin de poder reunir algún diñeiro conxunto para o pobo de cara a realizar labores de reconstrución e recuperación ou de limpeza.
Lanzouse unha alerta dende a Asociación Veciñal de San Vicente e tamén se puxeron os feitos en coñecemento da Garda Civil. Dende o Concello de Vilamartín tamén se reaccionou rapidamente e o seu alcalde solicitou que haxa vixilancia na aldea cunha patrulla da Garda Civil para evitar os saqueos.

Ademais, de forma espontánea, houbo tamén persoas que fixeron carteis para poñelos nas súas propiedades pedindo que non se rouben as súas pertenzas. A veciñanza pasou do desconcerto á indignación ante este tipo de feitos, tras a desgraza que veñen de vivir polos incendios.
Fotos cedidas.