O problema comezaba alá polo ano 2023, pero a medida que pasa o tempo ten ido a máis e, de xeito especial, nas últimas semanas polas persistentes chuvias. Por iso a veciñanza da rúa Albar, na Barxa (O Barco) pide unha solución ás filtracións de auga que sofren nas súas fincas e casas, procedentes das obras da circunvalación e que se estacan nunha cuneta da estrada que une O Barco con Éntoma, unha vía que é de titularidade provincial.
“Esa cuneta chega un punto no que está cega nun paso, entón a auga estáncase toda aí. Énchese, porque baixa moita auga da obra, moita máis da que baixaba antes, embalsa aí e vaise filtrando por baixo da estrada e por baixo da vía do tren e sae nas hortas da Barxa do outro lado e nas casas, afectando a todos os veciños”, conta a veciñanza.
Da situación dábase conta xa no 2023 nunha reunión co Concello do Barco e os veciños tamén se puxeron en contacto coa Deputación. “Volvimos falar co Concello o pasado mes de decembro, en concreto co alcalde que veu ver a cuneta cun técnico e dixo que estaba cega e que se ían poñer en contacto coa Deputación”, explican os veciños, que din que “van pasando os anos e non se arranxa nada. Temos as hortas desfeitas, entra auga en adegas e nos baixos das casas, e temos bombas achicando auga continuamente”, comentan. E, a parte dos prexuízos persoais, tamén cren que estas filtracións por baixo da estrada e da vía do ferrocarril poderían ser un risco.
Por iso solicitan que se trate de buscar unha solución. “Pedimos que ese excedente de auga que se xera na obra, que se bote dalgún xeito ao río. Que se busque unha solución, pero non cando remate a obra, senón xa. A auga brota aí como se iso fora unha fonte. Igual a solución podería ser canalizar a cuneta”, comentan.
Dende a Deputación de Ourense explícase que “a obra da circunvalación meteu na cuneta da estrada provincial máis auga da que soporta. Pero as edificacións afectadas están nun punto baixo e en períodos de choivas fortes, con ou sen augas da circunvalación, van seguir soportando augas subterráneas de infiltración”. Tamén indican que o “Concello solicitou á Deputación a limpeza das cunetas nese tramo para incrementar a súa capacidade, pero tras iniciar os traballos a sucesión de temporais obrigou a paralizar os traballos, que despois executou a adxudicataria da obra de circunvalación”.
Así mesmo, dende a institución provincial adiántase que na próxima semana “desprazaranse técnicos da Deputación para estudar se é posible cruzar a auga para desaugar nalgún punto, sen que afecte a terceiros e evitar que infiltre unha parte”.
Fotos e vídeos cedidos.