ConcellosQuirogaÚltima hora

Preparados os dispositivos de seguridade para a Mostra do Aceite e a Feira do Viño de Quiroga

Foto: RTM Quiroga.

 

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez e o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, presidían na mañá do 10 de marzo a Xunta Local de Seguridade deste municipio que analizou os dispositivos preparados para velar pola seguridade durante dous eventos que se van celebrar en breve no Concello de Quiroga e aos que está prevista a afluencia de numerosas persoas. Trátase da XXVI Mostra do Aceite, que terá lugar nesta fin de semana (14 e 15 de marzo) e a XLIV edición da Feira do Viño, prevista para os días 3, 4 e 5 de abril.

A Xunta Local de Seguridade examinou as previsións existentes para os dous eventos, así como os lugares que poden resultar máis conflitivos pola posible aglomeración de persoas, polo que se coordinou o labor que desenvolverán os distintos corpos de seguridade e de emerxencia para previr incidencias con motivo destes eventos, segundo informa o Concello de Quiroga.

Na xuntanza, ademais da subdelegada do Goberno e o alcalde, participaban responsables da Garda Civil e do Subsector de Tráfico e da Policía Local. A subdelegada subliñou a importancia destas xuntas de coordinación para “anticiparse ás necesidades de seguridade dos eventos do municipio e garantir que veciñanza e visitantes poidan gozar das celebracións con tranquilidade”.

Unha análise da situación da seguridade cidadá foi outro dos puntos a tratar na reunión, na que se puxo de manifesto, unha vez máis que a taxa de criminalidade no Concello de Quiroga permanece baixa. Destacando a “boa coordinación existente entre as distintas administracións e corpos policiais”.

Ademais, abordouse o desenvolvemento do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos, que inclúe charlas da Garda Civil no CEIP e no IES de Quiroga, centradas na prevención de riscos entre a mocidade e na promoción dunha convivencia segura tanto no ámbito escolar como no dixital.

Back to top button