O salón de actos do IES Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives acollía este mediodía a presentación do libro “Vivas para contarlo”, unha iniciativa que xurdiu da Comisión de seguimento das vítimas de violencia de xénero, que mensualmente se reúne na Subdelegación do Goberno en Ourense, e cuxa edición correu a cargo desta última. A publicación está composta por 13 microrrelatos de vítimas de violencia de xénero e sexual, e 10 testemuños de persoas que comparten a súa vida profesional con vítimas de violencia de xénero.
O acto, que contaba coa asistencia do subdelegado, Eladio Santos, e da xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller, Alida Iglesias, iniciábase cunha intervención introdutoria por parte da Garda Civil do equipo do plan director.
Esta presentación tivo lugar no marco dunha charla formativa dentro do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas, que está a levar por todas as aulas e a achegar a todas as rapazas da provincia sesións a cargo de axentes da Garda Civil e da Policía Nacional para contribuír á prevención de condutas delitivas, co fin de evitar comportamentos violentos, consumo de drogas, acoso, ciberacoso, violencia de xénero, entre outros.
Precisamente en relación á violencia de xénero, o subdelegado do Goberno, cando se dirixiu ao alumnado presente, destacou que o Goberno, a Garda Civil e a Policía Nacional teñen en marcha oficinas específicas de atención ás vítimas. “Esa é unha medida para as mulleres que están sufrindo agora mesmo violencia, pero estamos acá para apostar pola prevención. O máis importante é a educación e a formación, e iso evitará que haxa no futuro violencia contra as mulleres”, destacou.
“As relacións de parella baséanse no cariño e no respecto, as mulleres teñen tanta independencia como os homes e as mozas coma vós non tendes que admitir ningún tipo de comportamento violento”, salientou dirixíndose ás rapazas participantes na presentación. “É un problema permanente, latente e o Goberno traballa para corrixilo”, concluíu.
Para contribuír a este labor de concienciación, acto seguido, seis alumnos e alumnas do propio instituto procederon á lectura de varios dos testemuños incluídos no libro, para facelos conscientes das experiencias reais das mulleres, así como da magnitude e secuelas da violencia.
A presentación continuaba coa lectura, por parte de alumnado do instituto trivés, de diferentes relatos que conforman el libro “Vivas para contarlo”, así como cun coloquio sobre os textos lidos e, finalmente, coa entrega de exemplares do volume ao centro de ensino.
Fotos: Carlos G. Hervella.