A Casa Grande de Viloira (O Barco) acollía dende as 13:00 horas deste xoves 7 de novembro unha sesión informativa relativa ao proxecto “Conecta Ourense Rural”, organizada no marco da iniciativa Conecta Ourense. No seu decurso achegábanse recursos, asesoramento e apoios necesarios para promover o crecemento e a competitividade das empresas do rural.
A sesión estaba deseñada para ofrecer servizos de asesoramento e apoio en áreas clave como a innovación, dixitalización, internacionalización e sustentabilidade, co obxectivo de facilitar o acceso a convocatorias públicas de interese para empresas e persoas emprendedoras mediante os servizos de CONECTA OURENSE Rural e a Oficina Económica de Galicia de Igape.
Era a presidenta de AEVA, Araceli Fernández del Palacio, quen daba a benvida aos asistentes, e despois procedíase á presentación de servizos de CONECTA OURENSE Rural e da Oficina Económica de Galicia, ademais de expoñerse Información sobre axudas e futuras convocatorias para apoiar ás empresas na preparación dos seus proxectos da man de José Manuel Fernández García, subdirector de Asesoramento Empresarial e Apoio da Oficina Económica de Galicia do Igape (conexión en liña), María Fernández Vázquez, CONECTA OURENSE Rural, e Amparo Rodríguez Ferrer, CONECTA OURENSE Valdeorras.

Deseguido dábase paso a un taller de asesoramento para a identificación de retos e exploración de solucións innovadoras que poidan optar a axudas públicas, a cargo de Nachy López Queipo, Igape Responde. E ofrecíase asesoramento Individual para as empresas interesadas que o solicitaban. O encontro finalizaba cun viño-networking.
Fotos e vídeo: O SIL.
