SanidadeÚltima hora

Preséntanse 6 ofertas para a construción do novo Centro de Saúde da Rúa

Suporá un investimento de 2,9 millóns de euros e o prazo de execución dos traballos é de 18 meses aproximadamente

Solar, xa urbanizado, no que se construirá o novo Centro de Saúde.

 

A Xunta vén de recibir 6 ofertas para a construción do novo centro de saúde da Rúa, que suporá un investimento de 2,9M€. Esta actuación enmárcase na colaboración entre o Goberno galego, a través das Consellerías de Sanidade e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e o Concello da Rúa.

O obxectivo é poder comezar en outono estas obras que duplicarán a superficie do actual centro. O prazo de execución dos traballos é de 18 meses aproximadamente. Trátase dun novo centro de Atención Primaria que contará cunha superficie que superará os 1.300 m2, e acollerá as consultas, salas e espazos requiridos pola Consellería de Sanidade para cumprir co plan funcional elaborado para dar o mellor servizo sanitario aos rueses.

O novo equipamento inclúe 3 consultas de medicina xeral, unha sala polivalente, 3 consultas de enfermería, unha sala de técnicas, consulta pediátrica, unha sala de lactancia e consulta de enfermería pediátrica, ademais de espazos dedicados á saúde da muller e á educación para a saúde.

“Cómpre destacar a concepción construtiva e de instalacións do edificio, de dúas plantas, a luz natural como elemento clave, aportando ademais de aforro enerxético e un ambiente que invita á calma. O proxecto tamén pon o acento nos elementos que definirán este novo centro de saúde, como a luz, os acabados axardinados, as soleiras elevadas, que ademais contará con paneis fotovoltaicos e un sistema de compartimentación que permitirá o axeitado tratamento do aire no interior do edificio”, segundo informa a Xunta.

Ademais o acceso ao recinto realizarase desde unha zona exterior cuberta cun cortaventos xeneroso e a través dun amplo vestíbulo inmediato á zona de recepción.

Back to top button