
O director do OUFF, Óscar Doviso, o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, e o membro da xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual, Milo Baños, presentaron esta mañá unha nova edición do Ciclo Mestre Mateo na provincia e o novo Ciclo Anímate ao Cine, dúas iniciativas que reforzan a colaboración entre ambas institucións para achegar o audiovisual á cidadanía de toda a provincia.
A principal novidade deste ano é Anímate ao Cine, un ciclo de cinema de animación que terá lugar no Teatro Principal de Ourense e que nace co obxectivo de achegar ao público unha mostra da diversidade e da calidade da animación que se produce actualmente no Estado. A iniciativa forma parte das actividades impulsadas arredor do Encontro de Academias, unha cita que organiza a Academia Galega do Audiovisual e que reúne ás academias cinematográficas dos distintos territorios do Estado para compartir experiencias, identificar retos comúns e fortalecer a cooperación entre institucións do sector audiovisual.
O ciclo, que coincide coa décima edición do Encontro de Academias, reunirá no Teatro Principal de Ourense catro películas de animación recoñecidas polas diferentes entidades cinematográficas do Estado. A programación abrirase o 22 de xuño ás 20.00 horas con Decorado, do cineasta galego Alberto Vázquez, gañadora do Premio Goya á mellor curtametraxe de animación. Continuará o 23 de xuño ás 17.30 horas con El tesoro de Barracuda, de Adrià García, distinguida pola Academia Valenciana; o 1 de xullo ás 20.00 horas con Bella, de Manuel H. Martín e Amparo Martínez Barco, premiada pola Academia Andaluza; e finalizará o 2 de xullo ás 17.30 horas con Olivia y el terremoto invisible, de Irene Iborra, recoñecida pola Academia Catalá. Todas as sesións serán gratuítas, pero será necesario retirar entrada previamente. As entradas poderán adquirirse a través da páxina web do Teatro Principal de Ourense, en ataquilla.com, ou na propia billeteira do teatro antes de cada proxección.
Cinema galego en oito concellos da provincia
Xunto a esta proposta, a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Ourense impulsan unha nova edición do Ciclo Mestre Mateo, o circuíto de exhibición que leva ás vilas galegas as producións máis destacadas do audiovisual do país.
O ciclo celebra este ano a súa quinta edición e chegará aos concellos de Allariz, A Arnoia, A Veiga, Cartelle, Cea, Celanova, O Pereiro de Aguiar e Ribadavia, reforzando o acceso á cultura e ao cinema galego en localidades que non contan cunha oferta estable de exhibición cinematográfica.
A programación estará integrada polas oito longametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo 2026 nas categorías de ficción e documental: Sirât, Antes de nós, As liñas descontinuas, San Simón, 360 curvas, O son da nova regueifa, Deuses de pedra e O silencio herdado.
Un proxecto consolidado
O Ciclo Mestre Mateo continúa a medrar na provincia grazas á colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Ourense. Nas súas catro primeiras edicións realizáronse 160 sesións de cinema, cun total de 4.538 espectadores e espectadoras e unha media de 29 asistentes por proxección.
Durante a presentación, Milo Baños destacou que “un dos obxectivos fundamentais da Academia é facilitar o acceso da cidadanía ao cinema que se produce hoxe en Galicia e garantir que a oferta cultural chegue tamén ás persoas que viven fóra dos grandes núcleos urbanos”.
Pola súa parte, Óscar Doviso subliñou que “con Anímate ao Cine abrimos a programación a públicos de todas as idades e ofrecemos a oportunidade de descubrir un cinema de animación que vive un gran momento creativo e conta cunha presenza cada vez maior en festivais e premios. Esta iniciativa encaixa ademais co noso compromiso de achegar o cinema a toda a cidadanía”.
César Fernández destacou que “este proxecto é un exemplo da cooperación institucional para democratizar o acceso á cultura e o Ciclo Mestre Mateo permite achegar o cinema ás persoas que viven en concellos sen salas de exhibición”.
Toda a información sobre horarios e programación do Ciclo Mestre Mateo poderá consultarse na páxina web www.ciclomestremateo.gal.

