OurenseÚltima hora

Preséntase a carreira “Ruta 091”, organizada pola Policía Nacional en Ourense, en favor dos nenos e nenas con cancro

A proba celebrarase o 10 de maio desde a Glorieta da Policía Nacional e os beneficios serán doados á Asociación Bicos de Papel

 

O vindeiro 10 de maio terá lugar na cidade de Ourense Carreira Solidaria “Ruta 091”, unha iniciativa organizada pola Policía Nacional en favor da Asociación Bicos de Papel, que axuda aos nenos e nenas oncolóxicos.  Esta mañá tiña lugar a presentación do evento na Comisaría Provincial, coa presenza do subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e do comisario xefe da Policía Nacional, Juan Cástor Vázquez, entre outras autoridades.

A carreira da categoría de adultos comezará ás 10:30 horas do domingo 10 de maio, cunha duración de 50 minutos e unha distancia de 5 quilómetros. Logo, o circuíto da categoría infantil e inclusiva será ás 11:30 horas, cun percorrido dun quilómetro e estenderase 15 minutos. O prazo de inscrición está aberto, a través da web www.ruta091.es, e pecharase o 5 de maio, ás 23:59 horas. O punto de saída será a Glorieta da Policía Nacional.

A carreira contará cunha cronometraxe que se realizará polo sistema de Dorsal-Chip. Entregaranse os seus respectivos premios aos corredores que cheguen en primeiro, segundo e terceiro lugar nas categorías de masculino e feminino.

 

 

O custo é de 12 euros para adultos, ata un máximo de 750 participantes (con posibilidade de ampliar segundo demanda de inscricións), e de 10 euros para a categoría inclusiva e infantil (de 0 a 14 anos). Tamén existe o “Dorsal 0”, un dorsal solidario para que cada persoa que o desexe poida doar a cantidade que estime convinte de forma voluntaria.

Na súa intervención, Eladio Santos felicitou á Policía Nacional por organizar esta iniciativa solidaria, “exemplo dos valores democráticos da institución e do seu compromiso coa inclusión social e a promoción do deporte”. “Ademais de manter a seguridade nas nosas rúas, esta institución achégase máis á cidadanía con iniciativas como esta”, indicou.

 

 

O subdelegado explicou que nesta terceira edición a recadación irá destinada á Asociación Bicos de Papel, “unha entidade que realiza unha labor imprescindible para mellorar as vidas dos nenos e nenas hospitalizados con cancro e das súas familias. A través de cada inscrición estaremos axudando a una asociación que promove melloras na atención e que precisa financiamento para continuar cos seus proxectos”, engadía.

Neste sentido, Eladio Santos convidaba á cidadanía a participar e apuntaba que, coa participación nesta proba, “gañamos todos”, xa que se trata “dunha acción solidaria mediante unha actividade saudable”. “Con esta iniciativa, transformamos a enerxía do deporte en esperanza e apoio aos que máis o precisan”.

 

 

Itinerario carreira

A carreira comezará ás 10.30 horas da mañá desde a Glorieta da Policía Nacional. O percorrido continuará por Curros Enríquez, Sáenz Díez e Praza Concepción Arenal continuando pola rúa Progreso, avenida de Zamora, vírase por rúa Bonhome, Galicia, Xose Ramón Fernández Osea, Lugo, Villar ata a Praza Ferrería, Cervantes, Barreira e Praza Maior desde a céntrica praza continua por Lamas Carvajal, rúa do Paseo, Parque San Lázaro e Curros Enríquez, onde encararán os últimos metros do itinerario para finalizar novamente, co seu correspondente embude de chegada e entrega de avituallamiento na Glorieta da Policía Nacional.

Itinerario carreira infantil / inclusiva

A carreira infantil dará comezo ás 11.30 horas, tamén desde a Glorieta da Policía Nacional. O percorrido continuará pola rúa Curros Enríquez ata chegar ao Parque San Lázaro onde se fará un cambio de sentido para circular de novo pola Rúa Curros Enríquez e terminar na citada glorieta.

Que é o Ruta 091

O Ruta 091 nace como unha iniciativa solidaria da Policía Nacional no ano 2017 por iniciativa da Oficina de Comunicación da Dirección Xeral da Policía. Trátase dun conxunto de carreiras que cada ano se celebra en diferentes localidades de todo o territorio nacional. Celébrase en máis de 47 cidades e prevé unha concorrencia total de participantes que superará os 40.000 rexistrados nas diferentes modalidades. Os seus patrocinadores xenerais son o Banco Santander e Mupol (Mutualidade de Previsión Social da Policía).

Colaboradores da cidade de Ourense

Nesta III edición da carreira solidaria “Ruta 091” da cidade de Ourense colaboran a nivel institucional Concello de Ourense, Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e ademais foron moitas as entidades da provincia que quixeron colaborar con esta edición: Blendio Santauto S.L., Tizar, Hotel Princess, Academia Fonseca, Hotel Villa Méjico, RK Impresión 3D, AA Clinic, Centro Fisioterapia Nerea Piñeiro, Orvion Group, Restaurante La Galleguita, Irisar, Mas que Imprenta, Mial Cifer S.L.U, Talleres Farixa, Club Metropolitan, Ferreteria Americana, Runmaniak, Patricia Iglesias Estudio Dental, McDonalds, Seguridad Di-Seys, Maquinor S.L., Producciones Litoria, Grupo Recoletas, Ambulancias Sil, Serveo, Escoita, Sanior Galicia S.L., Gadis, Paipel-Oir S.L., asociación Auriens e por último os sindicatos policiales SPP, JUPOL e SUP.

Back to top button