ConcellosO BoloÚltima hora

Preséntase a curtametraxe “CEIP O Bolo, Bo día?”

 

O espazo Coworking do Bolo acollía na tarde deste venres 5 de decembro a presentación da curtametraxe “CEIP O Bolo, Bo día?”, unha iniciativa que nace no marco do proxecto “Xogar no Bolo III” cuxo obxectivo é a sensibilización e promoción da igualdade, impulsado pola ANPA do CEIP O Bolo dende o curso 2023/2024 e impartido e dinamizado por Outonía.

Este proxecto, que chega á súa terceira edición, desenvolveuse ao longo dos últimos meses e finalizou as súas actividades o 28 de novembro. A súa finalidade é promover a participación activa do alumnado, fomentando valores de igualdade e de pensamento crítico, así como de convivencia e creatividade a través de actividades formativas.

 

 

Durante esta edición realizáronse obradoiros, dinámicas e accións participativas co obxectivo de reflexionar sobre a vida escolar e a importancia de construír espazos inclusivos e respectuosos. Estas accións formativas combinaron o traballo dunha educadora social e dunha técnica audiovisual (a vianesa Estela Barone). A curta audiovisual que se presenta é o resultado deste traballo conxunto, no que o alumnado do centro tivo un papel protagonista.

A proposta contou coa colaboración fundamental do CEIP O Bolo e do Concello do Bolo, e está financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e polo Ministerio de Igualdade do Goberno de España, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

 

Back to top button