O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, xunto ao tenente coronel da Comandancia da Garda Civil, Rafael Berguillo, participou esta mañá en Entrimo na presentación da Oficina Móbil de Atención ao Cidadán e ao Peregrino (OMAC/P) da Garda Civil.
Esta unidade conta coa precisa capacidade técnica para ofrecer con calidade múltiples actuacións xerais de Atención ao Cidadán, cobrando especial relevancia nas zonas rurais da nosa provincia e nos municipios polos que discorre o Camiño de Santiago.
Non obstante, a OMAC/P forma parte dun proxecto ambicioso que pretende incrementar a proximidade da Garda Civil a todos os cidadáns, con capacidade para desprazarse por toda a provincia, de forma que poida dar cobertura ás necesidades más inmediatas de atención a peregrinos e veciños e veciñas do rural.
Durante a presentación, o subdelegado do Goberno salientou que esta unidade é unha mostra máis da preocupación do Goberno central por estar presente no mundo rural, garantindo a atención e seguridade de todos os cidadáns. “Ten a súa orixe na función de atender ao peregrino, pero agora búscase darlle unha dimensión maior para atender ao cidadán durante todo o ano”, explicou.
“É unha oficina itinerante que percorrerá toda a provincia, principalmente os concellos con menos poboación e nos que non hai cuartel da Garda Civil, e realizará diversas funcións que teñen que ver coa seguridade. Recollerá denuncias de feitos delitivos, atenderá con cita previa para efectuar trámites, actuará como oficina de mando avanzado no caso de incendios forestais, estará presente en eventos específicos con moita aglomeración de xente e acompañará no Plan Director e Plan Maior”, concluíu.