ConcellosEn portadaQuirogaÚltima hora

Preséntase a revista “Feira do Viño de Quiroga 1980-2020” que percorre os 40 anos deste evento

Deste xeito encétase o programa de actividades culturais "Lembranzas" para recordar esta mostra nas datas nas que se viña celebrando ata a pandemia Covid

 

Achéganse unhas datas moi especiais para Quiroga. Cada Sábado e Domingo Santo (o 3 e 4 de abril nesta ocasión) esta vila vén celebrando dende hai uns 40 anos a Feira do Viño de Quiroga, un evento festivo, gastronómico, cultural, lúdico e turístico que, novamente por mor da pandemia do Covid-19, non poderá facerse tal e como se coñecía ata agora.

Sen embargo, o Concello de Quiroga aposta por manter viva esta celebración nas súas datas poñendo en valor a vertente cultural do evento cun completo programa de actos baixo o título de “Lembranzas” e deixando a súa parte máis festiva para o verán. Un programa que se encetaba no mediodía deste 22 de marzo coa presentación da revista “Feira do Viño, Quiroga 1980-2020”.

“A Feira do Viño de Quiroga ten dous momentos importantes, dúas páxinas, unha a cultural e outra a festeira, a de desfrutar do viño como elemento gastronómico. Pois agora celebramos a parte cultural coa presentación deste magnífico traballo, que ten que servir como di o seu título, para lembrarnos deste evento importante, desta data do ano e de que esta situación é unha ponte de prata para a festa que esperemos que sexa o 25 de xullo, e senón para o ano que vén. Non queremos que quede no esquecemento e pensamos que con este traballo de luxo queda ben representada”, destacaba o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, na presentación desta revista elaborada por persoal da Casa da Cultura e coordinada por Manuel.

Esta publicación ábrese unha referencia á exposición sobre a Feira do Viño de Quiroga que se inaugurará o vindeiro 26 de marzo e que reúne en máis de 500 botellas os diferentes viños participantes na mostra ao longo dos seus 40 anos.

Ademais a revista, que se enviará ás casas de todos os quirogueses, percorre a historia e traxectoria desta celebración, considerada o evento máis importante de Quiroga, recollendo imaxes antigas da mesma, de programas e lembrando aos seus pregoeiros, o primeiro dos cales foi o poeta do Courel Uxío Novoneyra, seguido despois por outras figuras coñecidas como o escritor Alfredo Conde, o Premio Nobel Camilo Jose Cela, o xornalista Matías Prats, o político Manuel Fraga ou coñecido humorista Xosé Luis Bernal “Farruco”, entre outros.

 

 

Na importancia da viticultura en Quiroga tamén se afonda na revista, tal e como resaltaba o alcalde na presentación, tras recordar a frase “Quiroga é viño” de Uxío Novoneyra. “O 50% da produción de uva da Denominación de Orixe Ribeira Sacra é de Quiroga, dos 17 concellos que conforman a denominación, Quiroga produce o 50%”.

No acto tamén interviña o concelleiro de Cultura de Quiroga, José Luis Rivera, quen agradecía o traballo do persoal da Casa da Cultura que realizou a revista, encabezado por Manuel, e amosaba o agradecemento ao alcalde “que foi o que aportou a idea”.

Deseguido, Rivera facía unha exposición pormenorizada dos eventos cos que se vai conmemorar a Feira do Viño nos vindeiros días. Entre elas destaca o 26 de marzo a inauguración do auditorio da exposición de botellas dos caldos que acudiron ás diferentes edicións da feira, acompañadas dos carteis anunciadores das mesmas.  Servirá de homenaxe aos adegueiros que pasaron polas feiras do viño de Quiroga.

O programa inclúe a exposición “O fin do Camiño”, a andaina Xeoparque Montañas do Courel, a entrega dos premios do concurso de debuxo infantil “Feira do Viño”, música (o grupo de gaitas local O Recanto, a charanga BB+ e banda de Música Val Miñor) e un espectáculo de animación de rúa, entre outras.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button