ConcellosQuirogaÚltima hora

Preséntase a segunda edición do programa de dinamización turística “Descubrir Quiroga”

Amplíanse os roteiros, pasando de 13 a 17, achegándose máis intensamente ao patrimonio material e inmaterial do municipio e incluíndo unha ruta específica para os máis pequenos

 

O programa “Descubrir Quiroga”, que a Concellería de Turismo de Quiroga en colaboración coa Deputación de Lugo te en marcha este verán, financiado ao 75% polo ente provincial e o 25% restante polo concello, presentábase esta mañá na Casa da Cultura da vila.

O alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, presentaba o acto ao que tamén acudían a Concelleira de Igualdade, Educación e Infancia, Maite Pérez Grao; e o presidente do Xeoparque Montañas do Courel, Roberto Castro. Castro amosou o apoio a esta iniciativa por servir de axuda ao desenvolvemento sostible do territorio, poñendo en valor un dos grandes potencias do xeoparque, o patrimonio.

O concelleiro de Turismo quirogués, Vicente Parra, falaba na presentación da importancia de que as poboacións rurais non decaian, e de que o turismo pode ser unha ferramenta importante para axudar a súa recuperación. O obxectivo é que Quiroga e o Xeoparque Montañas do Courel atraian turismo, un turismo sostible de pequenos grupos.

 

 

Tras o éxito acadado o pasado ano, nesta nova entrega amplíanse os roteiros, pasando de 13 a 17, conservando algún dos anteriores pero tamén achegándose máis intensamente ao patrimonio material e inmaterial do municipio e incluíndo unha ruta específica para os máis pequenos en colaboración coa área de infancia. Amplíanse tamén no tempo, pois prolongaranse ata o mes de outubro.

A totalidade dos roteiros incluídos no programa “Descubrir Quiroga”, teñen por finalidade, como matizou Vicente Parra, non só dar a coñecer o patrimonio natural, cultural, gastronómico e etnográfico quirogués e do Xeoparque Montañas do Courel, se non tamén crear mercado turístico, conseguindo que os visitantes se acheguen a comer, a durmir e a realizar rutas durante varios días.

Natureza única e salvaxe -en terra (rutas), aire (parapente) e auga (piragüismo e barranquismo)-; cultura e historia, artesanía local conforman este programa de dinamización turística que tamén fará un aceno a unha gastronomía con identidade e sabor auténtico como complemento dalgúns roteiros.

Fotos cedidas.

 

Back to top button