En rolda de prensa dábase a coñecer esta mañá o nome do pregoeiro das Festas do Cristo 2026 no Barco, que será o doutor Ricardo Marini Fernández, un pediatra de orixe arxentina que leva case 40 anos vivindo na vila. Desvelábao a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, xunto a este doutor, ao alcalde do Barco, Aurentino Alonso, e á autora do cartel Marisú Miranda.
A escolla do doutor Marini, dicía Pizcueta vén a representar “a tantas persoas que, chegadas doutras terras, acabaron facendo desta vila o seu lugar de vida, o seu fogar. Agradecémoslle que escollera O Barco”, comentaba.
Ademais desvelábase a imaxe do cartel das festas, obra da deseñadora e creadora barquense Marisú Miranda, que ademais durante as festas (do 10 ao 27 de setembro) achegará ao público a exposición “Xentes de Valdeorras”, na sala Abanca, na praza do Príncipe.
Por outra banda, a edil de Cultura referíase a outros detalles como que o programa en papel das festas comezará a repartirse a partir do xoves no Concello e que tamén se abre o prazo de inscricións para os que queiran participar como cabezudos na procesión do Cristo do 14 de setembro. Os interesados poderán anotarse no Concello e hai 8 prazas.
Con relación á Festa das Pandillas, haberá unha serie de pulseiras para os participantes que se porán á venda o vindeiro venres no edificio Mutiusos do Barco (na alcaldía). O prezo será de 12 euros e o pago será no momento da recollida no Concello. O aforo para esta edición da Festa das Pandillas será de 350 persoas.
Finalmente, o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, consideraba “un acerto total a escolla do pregoeiro e do cartel desta edición, o que temos este ano é un nivelón. Serán catro días intensos de festa e estamos desexando vivilos”.
Fotos e vídeos: O SIL.
