Co material de índole moi variada, recollido entre 1962 e 2025, e tras un longo e complexo traballo de investigacón, entrevistas e recompilación, creaba Xosé Lois Foxo o ‘Cancioneiro Sociolingüístico das Terras do Bolo’ Editado pola Deputación de Ourense e presentado na tarde do xoves 4 de setembro na Granxa Escola A Capilla, no Bolo.
O libro inclúe 416 temas en transcrición melódica e fonética: cantares varios, romances, cantos de arada e recitados, rondas e parrafeos, reis e aninovo, aguinaldos, cregos, pastores, ramos e relixiosas, seitura, berce e instrumentais e 424 fotografías. E entre as súas páxinas poden atoparse vestixios arqueolóxicos, a historia de Vrraca de Zamora na tradición romancistica; lingua escritural e música; Felisa Álvarez Corzo, paradigma da cantareira galega; Creadores iletrados; Pandereteiras de Celavente; Cegos cantores do Concello do Bolo; Música relixiosa de creación popular; Compositores romancistas de Valdeorras nos séculos XIX, XX e XXI; Iconografía dos cantares; Tenzón de cantores; Orquestras do Bolo; Gaiteiros do Bolo; Estudo sociolingüístico; e Estudo musicolóxico.
Presentado por Manola Porto, o Festival do Romanceiro Popular na memoria de Juan Bernardo dos Hortos (Celavente) contaba coa actuación da Banda-Escola de Gaitas do Concello do Bolo e dalgúns dos informantes do cancioneiro como Juan Corzo, o poeta de Celavente, que interpretaron algunha das súas coplas, diante do numeroso público asistente.
Moitos veciños de Celavente e outras aldeas do municipio do Bolo, e tamén doutros puntos da comarca como A Rúa e o Barco, entre os que estaban varios membros do Instituto de Estudos Valdeorras.
Ver actuación do coro de Celavente
Fotos e vídeos cedidos.