
A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno (AMCI) fai un balance moi positivo da súa presenza na Feira Internacional de Turismo FITUR, tras a presentación celebrada o mércores, 21 de xaneiro, no stand da Xunta de Galicia, nun acto que reuniu profesionais do sector, institucións e público interesado no turismo cultural e de natureza.
O director xeral de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, deu a benvida á presentación da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno (AMCI) este mércores, 21 de xaneiro, no stand da Xunta de Galicia, na 46ª edición da Feira Internacional de Turismo FITUR, destacando o traballo desenvolvido pola Asociación, o valor do Camiño como produto estratéxico para Galicia e a súa importancia como ferramenta de cohesión territorial.
A presentación do Camiño de Inverno, que tivo un gran éxito e gran afluencia, reunindo representantes institucionais, profesionais do sector e público interesado no turismo cultural e de natureza, correu a cargo de Carlos Martínez, alcalde de Vedra e membro da Xunta Directiva da AMCI, quen destacou o papel de FITUR como un espazo clave para a construción de alianzas. “Sabemos que FITUR non é só unha feira, senón un punto de encontro mundial que nos permite dar visibilidade a este trazado e aos nosos concellos como en ningún outro escenario. É o lugar onde poder definir os lazos estratéxicos que estamos a captar, co obxectivo de lograr o desenvolvemento social e económico do territorio polo que discorre este itinerario xacobeo con séculos de historia”, indicou Martínez.
No maior escaparate para visibilizar o potencial do Camiño de Inverno, Carlos Martínez debullou todas as liñas de actuación que a Asociación se marcou para unha nova etapa de desenvolvemento, baseadas na coordinación municipal e na mellora da experiencia das persoas peregrinas, e agradeceu o apoio institucional recibido —con especial mención ao respaldo da Xunta de Galicia—, así como o interese espertado entre axentes e medios do sector.

A AMCI puxo tamén en valor o Camiño de Inverno, no 10.º aniversario da súa oficialización, como a ruta de peregrinación que aposta por recuperar a esencia histórica, fortalecer o seu vínculo coas comunidades locais e coas persoas peregrinas, e proxectar un relato compartido. “Un testemuño vivo da historia común dos concellos polos que discorre, unha vía de intercambio de coñecemento e valores; e un motor importante para o desenvolvemento dos nosos pobos e das persoas que os habitan”, sinalou Martínez.
Así mesmo, subliñouse a necesidade de continuar investindo na mellora da infraestrutura ao longo do Camiño, con medidas concretas como a sinalización adecuada, a conservación dos camiños e a creación ou o reforzo de servizos básicos para as persoas peregrinas, mellorando a calidade da experiencia e a seguridade do percorrido.
Ademais, as persoas asistentes gozaron do novo vídeo corporativo da Asociación, cunha imaxe moderna e atractiva, en consonancia coas novas estratexias de dixitalización e comunicación (web e redes sociais) que presentou a Asociación do Camiño de Inverno, orientadas a planificar a viaxe e a xerar comunidade.

Con esta presenza en FITUR, a Asociación reforza a súa folla de ruta: seguir consolidando o Camiño de Inverno como un itinerario con identidade propia, capaz de sumar alianzas, atraer visitantes durante todo o ano e xerar oportunidades no medio rural.
Tanto a grande acollida no stand da Xunta de Galicia como a importante repercusión mediática ofrecen un balance moi positivo do novo impulso da AMCI como proxecto interrexional e de futuro.