OurenseÚltima hora

Preséntase en Ourense o proxecto universitario de Simulación de Nacións Unidas (COuMUN 2026)

Desenvolverase entre hoxe e mañá no Edificio Xurídico Empresarial do Campus de Ourense, e que ten como obxectivo explicar á cidadanía o funcionamento da ONU e analizar a repercusión dos acordos que se levan a cabo na Comunidade Internacional para as persoas e institucións galegas

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá na presentación do proxecto universitario de Simulación de Nacións Unidas (COuMUN 2026) que se levou a cabo no salón de actos da Delegación Territorial e que contou coa presenza do vicerreitor do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, e de máis de 120 estudantes das delegacións da Facultade de Dereito e da Facultade de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo do Campus de Ourense.

O delegado territorial felicitou aos alumnos e alumnas que botaron andar esta iniciativa, que se desenvolverá entre hoxe e mañá no Edificio Xurídico Empresarial do Campus de Ourense, e que ten como obxectivo explicar á cidadanía o funcionamento da ONU e analizar a repercusión dos acordos que se levan a cabo na Comunidade Internacional para as persoas e institucións galegas.

“Nun mundo cada vez máis complexo e cheo de desafíos, o debate e a argumentación son habilidades cruciais para os estudantes para aniñar o seu pensamento crítico e habilidades argumentativas, e como estas habilidades son esenciais para o seu éxito académico e profesional” -manifestou Manuel Pardo- e “só a través do razoamento do sistema internacional, a motivación do actuar dos seus actores e as teorías que o sustentan permiten comprender mellor a realidade mundial”; sentenciou.

 

Cedida.

 

O COuMUN é un proxecto de simulación da Organización das Nacións Unidas, que se organiza en moitas universidades así como en diferentes países, e que se coñece como MUN (Model of United Nations). Trala exposición dos organizadores, Manuel Pardo salientou que o COuMUN é unha actividade de alto valor formativo para o estudantado universitario, non unicamente dos formados en Dereito ou en Relacións Internacionais.

“Iniciativas como esta permiten -continuou o delegado territorial- o desenvolvemento de competencias clave coma a oratoria, o pensamento crítico, a negociación e o traballo en equipo. Por outro lado, a mellora de empregabilidade dos participantes é clara, xa que tratarán de simular nun contexto profesional e académico situacións reais no ámbito das relacións internacionais e organismos intergubernamentais, diplomáticos e multilaterais”. Tamén –considerou Manuel Pardo- “favorecen un intercambio de coñecemento entre xoves de distintos campos académicos, contribuíndo á proxección externa da Universidade de Vigo e ao achegamento da sociedade á vida universitaria”.

 

 

Desenvolvemento do proxecto e temáticas

O alumnado participante ocupa o lugar dos embaixadores e embaixadoras dos países membros das Nacións Unidas para debater sobre algúns dos temas de actualidade recollidos na axenda da ONU. Deste xeito, o estudantado, baixo a figura dun delegado ou delegada, prepara borradores de resolucións estratéxicas argumentativas e realiza negociacións con países aliados e adversarios, ademais de resolver conflitos botando man das regras do Procedemento das Nacións Unidas.

Os temas propostos sobre os que se desenvolveran os debates versarán sobre os dereitos reprodutivos, a xestión subrogada no centro do debate mundial; a recuperación de bens culturais pola colonización e a guerra; do campo, ao campo de batalla, o impacto devastador dos conflitos na seguridade alimentaria mundial; cripto Activos e a soberanía financeira en países menos adiantados; Myanmar tras o golpe militar, crisis humanitaria e desafíos para a estabilidade rexional; cooperación global contra cárteles latinoamericanos e crime transnacional; a carreira nuclear en Medio Oriente, riscos para a Seguridade Global e a crise dos mísiles de Cuba, decisión e diplomacia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button