
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta tarde en Verín o posto informativo instalado pola Xunta no marco da campaña autonómica Comercio Compensa, que busca fomentar as compras de proximidade apelando a un consumo máis responsable, sostible e respectuoso coa contorna. A previsión é desprazarse coa campaña a un total de 60 localidades galegas entre este ano e o que vén.
No marco dos obxectivos de Compensa, o Goberno galego insta a apostar polo comercio local e polos produtos de proximidade, a consumir de forma máis consciente e a alongar a vida útil dos artigos que mercamos. Tamén a reducir envases innecesarios e a empregar bolsas reutilizables e, nese senso, todas as persoas que se acheguen hoxe deica ás 20,00 horas ao punto informativo instalado en Verín cun tícket de compra procedente de calquera establecemento comercial do concello recibirán como obsequio unha bolsa de tea coa imaxe da campaña.
Posteriormente, o director xeral aproveitará a visita para asistir á Noite de compras organizada polo Centro Comercial Aberto de Verín e apoiada pola Xunta das 20,00 ás 23,00 horas, concibida para impulsar as compras de proximidade nun ambiente festivo.

