CulturaCulturaÚltima hora

Preséntase no Barco ‘Entre tú y yo’, un libro escrito a “catro mans” por Lucía Vargas e Lino Salsón

 

Ningún dos dous é natural do Barco pero o destino quixo que se coñeceran na capital da comarca de Valdeorras onde na tarde deste xoves 9 de abril presentaban o seu libro Entre tú y yo, un compendio de textos e poemas escritos por Lucía Vargas e Lino Salsón.

O matrimonio reunía ao público no segundo andar da Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán para dar a coñecer o traballo escrito a catro mans, acompañados por dous vellos amigos, teólogo e historiador, Isidro García Tato e o psicólogo e profesor da Universidade de Vigo, Hipólito Puente Carracedo.

 

 

Lucía e Lino son un matrimonio que “aposta e fíxoo sempre -sobre todo no confinamento que nos impuxo a pandemia- pola cultura da palabra escrita e transmitida ás ondas radiofónicas en diversas emisoras, con cimentos narrativos ata completar a obra que se fai nas nosas mans páxina aberta á lectura sosegada, á grata contemplación dunhas liñas trazadas desde a pluma e a inspiración entintados no corazón e a emoción creadora”, explica o mestre e educador, Luis Antonio Gutiérrez, autor do prólogo, asegurando que “queren deixar o seu sinal nun compendio de textos anónimos, aínda que o lector sagaz poderá evidenciar diferenzas estilísticas”.

No libro figuran poemas de cuño lírico clásico como Polvo de estrellas e relatos suxerentes e suxestivos todos eles amenos e sorpresivos como os dedicados a famosas parellas da Historia e Literatura, actualizando parodiando sempre o seu tradicional coñecemento. “Non faltan os dedicados á vida en parella, nalgún caso cun tenro epílogo, con finais diferentes pero previsibles”, di Luis, destacando a ironía e a clave de humor “presentes na maioría das ocasións que, noutras, desenvólvense ao redor dunha reflexión privada. Nalgunhas a narración convértese en prosa poética como Me ronda una pesadilla ou Carta de amor, outras vannos  levando, progresivamente ata alcanzar o final insólito como comprobamos en iZas!”

Entre tú y yo é coma un escaparate dunhas manifestacións literarias nas que predomina a ironía, o desenfado e mesmo a sátira, sendo “ante todo unha obra amena, un antibiótico contra o aburrimento ou o mal humor e un agasallo para o entretemento e o gozo lector”.

 

 

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Back to top button