Previr os incendios forestais, mellorando a xestión dos espazos forestais fronte ao cambio climático. É o obxectivo do Interreg Sudoe USE4FOREST, proxecto europeo no que participan entidades, como o Eixo Atlántico e a Universidade de Vigo, e administracións (como a Consellería do Medio Rural, a Deputación de Ourense ou a Junta de Castilla e León) de varias comunidades autónomas e dos países do suroeste europeo: España, Francia e Portugal.
O obxectivo deste proxecto é abordar solucións comúns na prevención de incendios forestais que afectan a estes países. “O problema demográfico do interior vai asociado aos incendios, polo tanto, calquera abordaxe ten que contemplar o problema demográfico, sen poboación non hai vida, non hai industria, nin actividade económica, en cambio si que hai incendios, o monte arde cando non está habitado nin coidado. E o problema demográfico implica todo un conxunto de actuacións para que a xente non se vaia e para que a xente veña”, tal e como se sinalaba o secretario do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, na presentación da iniciativa esta mañá no Concello do Barco, na que estaba acompañado polo alcalde, Alfredo García, e polo experto Salustiano Mato, da Universidade de Vigo, así como polas concelleiras Diana Urdangaray e Margarida Pizcueta.
“Nesta iniciativa conxungamos a loita contra os incendios coa captación de poboación a través de impulsar un xénero de traballo, que son as granxas que nos permitan fixar poboación xove e traer poboación xove que queira vir aquí, falamos de granxas centradas na agricultura ecolóxica, na agricultura farmacolóxica e incluso temas como os champiñóns. Seguimos traballando nunha liña con diversos aspectos, que é acertada porque nos están reforzando dende Europa con financiamento. Esta iniciativa está liderada dende O Barco, neste caso polo alcalde”.
Este proxecto europeo da convocatoria Sudoe conta entre os seus socios coa Universidade de Vigo e “o punto forte do proxecto lidérao Juan Picos, catedrático de Enxeñería Forestal e dalgunha maneira o corazón de todo este proxecto é a alerta temperá para evitar os lumes”, comentaba o catedrático da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, indicando ademais que esta iniciativa inclúe tamén experiencias piloto reais sobre o territorio e, no caso de Galicia, vanse facer no Barco, en concreto en dúas fincas de Alixo.
Neste senso deseñouse un plan director para esta experiencia que consiste, aproveitando o Viveiro de Empresas como localización de formación no Barco, vaise a impartir un módulo de formación aberto a emprendedores, empresarios e outras persoas interesadas para desenvolver iniciativas emprendedoras que vaian dirixidas a recuperar espazos naturais degradados polos lumes, cunha experiencia real en Alixo que servirá para facer prácticas: un couto micolóxico e un cultivo de plantas medicinais, “de forma que esta zona se recupere, que teña actividade demostrativa de como se pode revitalizar o monte a través destes dous exemplos concretos. Isto servirá como demostración e como taller de prácticas desa formación”, adiantaba Mato.
A intención é poñer en marcha a iniciativa no verán, tal e como apuntaba o alcalde do Barco. “Este é un proxecto piloto, polo tanto, son pequenas experiencias que fas para que funcionen e, unha vez que funcionen, sirvan de exemplo e os demais se apunten a ese modelo produtivo que pode ser rendible. Cando xurdiu a posibilidade de pedir este proxecto, que non só é a experiencia piloto que temos aquí, senón que haberá que facer un estudo, informe, modelo de previr ou minimizar incendios como o que tivemos no 2022, pero a nós tócanos a parte práctica”.
O alcalde apuntaba que con este viveiro de granxas pretédese “atraer a xente que diga vou a ver como é iso, darlles formación, explicarlles como funciona e algún deles quererá poñerse e meterse a iso. Nós niso imos a traballar e ímonos a volcar e nosa esperanza é que cando remate o proxecto teñamos a varios veciños ou xente de fóra que aposte por iso e que se instalen no Barco”.
Así mesmo Alfredo García afirmaba que “xa está a planificación feita e escolleuse a zona de Alixo porque foi a zona cero do incendio do 2022 e aí houbo dos propietarios que puxeron a súa finca a disposición e que se comprometen a manter o traballo que alí se faga”.
O proxecto
USE4FOREST propón unha estratexia para a prevención de incendios no espazo Sudoe mediante a mellora dos espazos forestais baseada en 3 fases: coñecemento exhaustivo dos condicionantes do problema; desenvolvemento, proba e demostración nos territorios participantes de ferramentas innovadoras para a prevención, xestión e anticipación dos incendios forestais; e a súa transferencia e capitalización a escala Sudoe.
O proxecto estará vixente ata decembro de 2026 e conta cun investimento total de case tres millóns de euros. Con el búscase mellorar a capacidade de resposta das diferentes administracións a través da coordinación con organizacións con ampla experiencia en investigación e xestión forestal. A análise de diferentes variables, como o medio (vexetación, clima…) e os factores antropogénicos (poboacións, cultivos…), permitirán alcanzar novas solucións e avaliar o seu impacto, eficacia e transferibilidad, co fin de desenvolver estratexias de prevención intelixente nos espazos forestais con maior risco, considerando os seus recursos naturais, socioeconómicos, tecnolóxicos e de xestión para abordar esta necesidade de forma global.
Fotos e vídeos: O SIL.