CulturaCulturaÚltima hora

Preséntase o libro ‘Colección de arte do Parlamento’

 

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asistiron hoxe á presentación do libro ‘Colección de arte do Parlamento’, onde os representantes do Goberno galego gabaron esta obra como “ferramenta esencial para facer chegar a riqueza artística que posúe o Parlamento de Galicia a todo o pobo galego”.

Nesta liña, o responsable de Cultura da Xunta puxo en valor o legado de todos os artistas implicados nesta selección que “foron quen de dotar á nosa comunidade dunha voz propia e que entenderon que Galicia debía ser a esencia mesma desde a que construír o seu universo creativo”.

 

 

Pola súa banda o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, reivindicou a colección de arte da Cámara como “a mellor galega contemporánea pública”. Na presentación da publicación puxo en valor que este catálogo sexa “un exercicio de transparencia” no que se dá conta da situación na que están os cadros do Parlamento, “quen doou, como se comprou e por canto, quen o ten en depósito, etc”.

Así, o titular da Cámara lexislativa defendeu que “non hai que ter medo cando se inviste no futuro dun pobo”, argumentando que el é “o suficientemente plural como para saber que a arte non é patrimonio de ningún partido político”. Deste xeito, explicou que decidiu poñer este tema en mans do órgano estatutario que ten as competencias sobre arte, a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), que se encargou de suxerir e xustificar as obras que forman parte da colección da Cámara a través de tres comisarios. Neste punto, agradeceu a colaboración dos artistas da talla de Antón Lamazares, Carmen Lamas, Franscisco Leiro, Acisclo Manzano, Colmeiro, Laxeiro, Quesada e moitos outros nomes da arte galega dos últimos anos recompiladas nunha xoia editorial de gran formato e edición de luxo.

Entre os convidados á presentación estaba a artista valdeorresa Lola Doporto.

Back to top button