
A Deputación de Ourense vén de presentar o número 54 da revista Raigame, publicación de referencia no ámbito da arte, a cultura e as tradicións populares, que continúa a súa aposta por ofrecer unha visión moderna e actualizada do patrimonio cultural galego a través de colaboracións de carácter divulgativo e científico.
Na presentación participaron o vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, quen sinalou que a publicación “é das máis agardadas polo seu aporte ao ámbito científico, etnográfico e etnolóxico e responde ao compromiso firme da Deputación coa Cultura”. Pola súa banda, o coordinador da revista, Xavier Álvarez, puxo de manifesto que o obxecto de Raifgame é tratar temas de actualidade e neste número o eclipse tiña que ser tema central, onde afondamos no aspecto máis humano e antropolóxico deste fenómenos astronómico”. Xavier Viana, colaborador da revista, quixo agradecer expresamente ao Centro de Cultural Popular Xaquín Lorenzo a participar neste númer”, “e a Deputación polo seu compromiso coa cultura tradicional e salvagarda do patrimonio material e inmaterial”.
Este novo número articúlase arredor de diferentes temáticas que conectan tradición e actualidade, cun especial protagonismo da astronomía e a súa pegada na cultura popular. Así, o primeiro bloque abre cunha análise do eclipse total de sol previsto para o vindeiro 12 de agosto, combinando unha explicación científica co percorrido histórico dos eclipses visibles desde a provincia de Ourense nos últimos 150 anos, así como referencias a figuras destacadas da observación astronómica no territorio.
A publicación afonda tamén na etnoastronomía a través do estudo dos elementos decorativos nos hórreos, recentemente recoñecidos como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial, así como na relevancia dos reloxos de sol na arquitectura popular ourensá, abordando o seu funcionamento, tipoloxía e distribución na provincia, con máis de 400 exemplares rexistrados.
O número complétase con achegas sobre crenzas populares vinculadas á influencia da lúa nas tarefas agrícolas, así como unha nova entrega de literatura de cordel relacionada coa astroloxía e a interpretación de fenómenos naturais.
No eido etnográfico, Raigame recolle investigacións sobre sistemas tradicionais como a “veceira”, vinculada ao pastoreo comunitario, ou iniciativas de recuperación do patrimonio téxtil como o traballo arredor do liño e a produción de seda desenvolvida no Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo.
A revista péchase con estudos centrados na organización do territorio e na memoria colectiva, destacando traballos sobre microtoponimia no concello de Esgos e sobre elementos tradicionais de delimitación das terras, hoxe en risco de desaparición polo abandono do rural.
Cunha tirada de 750 exemplares, Raigame distribúese gratuitamente entre concellos, centros educativos, bibliotecas, museos e asociacións culturais da provincia, así como a través do Servizo de Publicacións e do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense.
A través desta publicación, a institución provincial reafirma o seu compromiso coa preservación, estudo e difusión do patrimonio cultural de Ourense, contribuíndo a manter viva a identidade e a memoria colectiva do territorio.