ConcellosEconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeos

Preséntase o PAI de Valdeorras, que aposta pola promoción da vivenda, a sostibilidade e a recuperación patrimonial e medioambiental

Este proxecto presentábase esta mañá en Viloira (O Barco) coa asistencia do presidente da Deputación, do subdelegado do Goberno e da alcaldes da comarca

 

Impulsar actuacións de rexeneración urbana en Valdeorras, de mellora das marxes do río Sil, de mobilidade sostible, habilitar vivenda, recuperar rutas históricas, desenvolver a modernización e dixitalización do comercio local e tamén intervencións de prevención de incendios forestais e de adaptación ao cambio climático. Son algúns dos obxectivos do Plan de Actuación Integrada (PAI), que vén de lograr financiamento europeo para os 9 concellos da comarca a través do Plan EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local), impulsado polo Goberno de España.

“Queremos que este PAI sexa panca de futuro para Valdeorras, este é un proxecto de comarca, que vén a transformar Valdeorras e chega cun investimento importante”, aseguraba esta mañá o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, nun acto de presentación deste plan na Casa Grande de Viloira (O Barco), no que estaba acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; e polos alcaldes da comarca de Valdeorras.

 

 

O plan de Valdeorras, liderado polo Barco e presentado pola Deputación de Ourense, figura na resolución da Dirección Xeral de Fondos Europeos sobre a convocatoria de axudas do Plan EDIL, enmarcadas no Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) correspondente ao período 2021-2027 e destinadas ás Entidades Locais, que se publicaba no BOE o pasado venres 3 de outubro.

Este proxecto, que se presentaba cun investimento total de 10 millóns de euros, logra unha axuda FEDER de 4.365.152 euros cunha taxa de cofinanciamento dun 60%, polo que investimento público correspondente sería de 7.275.253 euros (incluíndo as aportacións da Deputación de Ourense e dos concellos).

Precisamente nesa porcentaxe restante ata acadar os 10 millóns do plan, incidía o presidente da Deputación de Ourense. “Fáltanos arredor dun 30% para completar esa cantiddade e tamos que invitar a todos para completala, debemos loitar para que se desenvolva ao 100%. E para iso temos dúas vías”, concretaba, “a primeira delas é ser moi áxiles, e así o imos ser porque a Deputación de Ourense vaise ocupar da súa tramitación administrativa e, ademais, podemos ganar máis financiamento coa colaboración dalgunha outra administración máis. Temos que intentar executar o antes posible a totalidade do proxecto”.

 

 

Menor tamén se refería ao contido deste plan e as súas liñas principais de actuación, e poñía en valor a captación de fondos europeos por parte da Deputación, tant no PAI de Valdeorras e como do de Ourense Sur, os dous presenteados polo organismo provincial á convocatoria. “Para a Deputación supón o maior proxecto de fondos europeos, ata o de agora era o PERTE da auga”. Por iso, engadía, “sentímonos orgullosos, a colaboración entre administracións reivindica o bo da política, damos un exemplo de ser unha administración que capta fondos, leva a cabo proxectos e mellora as condicións de vida dos cidadáns”, concluía.

 

 

 

Neste acto, que abría o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, resaltando a “importante inxección económica que supón este PAI para Valdeorras”, tamén interviña o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, quen se refería así mesmo á colaboración institucional: “neste plan tres administracións traballan conxuntamente para dar mellor servizo aos cidadáns”. E lembraba que, por primeira vez este ano, esta convocatoria de fondos europeos abríase aos concellos de menos de 20.000 habitantes, co fin de crear “unhas áreas funcionais con futuro e modernas”.

 

 

O PAI de Valdeorras, detallaba, contén 29 accións e articúlase en tres liñas de traballo: Coopera Valdeorras, Valdeorras Cohesionado e Valdeorras Sostible. A primeira contempla a mellora das rutas turísticas e a rehabilitación de lugares naturais. A segunda céntrase no impulso ao comercio local e na creación dun parque público de vivenda. A derradeira liña aborda actuacións para mitigar os efectos da emerxencia climática, coa posta en valor das marxes fluviais e o fomento de mobilidades alternativas.

Santos lembraba tamén que os proxectos aprobados polo Goberno para 23 municipios da provincia de Ourense captarán 22 millóns de euros de Fondos Europeos. Á parte do de Valdeorras, o Concello de Ourense recibe 8.730.304€ e as agrupacións de Concellos encabezadas por Verín e Barbadás perciben 4.365.152€ cada unha.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

Back to top button